O Cortegada viaxa a León sen marxe de erro e cun plantel curto o resto da Liga tras renunciar a fichar

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O conxunto vilagarcián, con só oito efectivos séniores, leva semanas amosando síntomas de fatiga

01 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Mariscos Antón Cortegada ten hoxe un partido chamado a fixar un punto de inflexión na súa carreira de fondo por clasificarse para a vindeira fase de ascenso á Liga Challenge. Terceiro clasificado, o cadro vilagarcián visita a cancha dun BF León (20.30 horas) sexto a tiro tan só dun triunfo do cadro que dirixe Álvaro Fernández.

Falamos de dous equipos con moitas similitudes. De dous aspirantes a pelexar na fase final polo salto de categoría que se atopan en horas baixas. O Cortegada, tras perder tres dos seus cinco encontros da segunda volta. O leonés, vindo de encadear tres derrotas.

As coincidencias van máis aló. O Cortegada presenta o cuarto mellor ataque do Grupo B da Liga Femenina 2, polo quinto do seu anfitrión, que á súa vez loce a mellor marca reboteadora do campionato, pola segunda do seu hóspede galego. Máximo reboteador ofensivo da súa conferencia, o Mariscos Antón ten hoxe diante o segundo mellor equipo nesta faceta do xogo.

«León, como conjunto, hace muy bien las cosas y tiene al mejor entrenador de la categoría —Rafael González—», declaraba na véspera Álvaro Fernández antes de salientar o desequilibrio e mais os puntos de Ceballos, unha escolta reconvertida polas baixas en base, e de Ferreras, outra exterior, sumados ao poderío interior da pívot máis alta do grupo, Dembele. En xogo, máis aló da vitoria de hoxe, o basketaveraxe, que o Cortegada ten ata hoxe de cara tras o 62-47 da primeira volta.

O equipo sae hoxe en furgonetas ás dúas, despois de comer, para chegar tan só hora e media antes do inicio do partido. Faino co plantel curto de só oito xogadoras que comeza a dar síntomas de asfixia tras rematar onte o prazo para fichar sen que a directiva do club o fixera.