O Soño de Lilith convoca unha manifestación para o sábado dende a praza de Galicia

La Voz

AROUSA

01 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Fronte aqueles que durante estes anos veñen atacando o feminismo e queren impoñernos unha visión nostálxica e romantizada dun pasado no que as mulleres estabamos relegadas ao doméstico, a nosa resposta é saír ás rúas e seguir traballando cara día por acabar coa precariedade e as discriminacións que seguen atravesando as vidas de moitas mulleres». Este é o claro posicionamento do colectivo feminista O Soño de Lilith de cara á conmemoración do Día Internacional da Muller. Coma cada ano dende hai xa un decenio, unha manifestación percorrerá o 8M as rúas de Vilagarcía. Farao o sábado, ás doce do mediodía, partindo da praza de Galicia.

A entidade sostén que o machismo é un fenómeno estrutural, con raíz nun sistema patriarcal que é base das desigualdades, «tanto económicas coma sociais que vivimos as mulleres». O feminismo e as mulleres somos a maior barreira democrática perante a ameaza xenófoba e discriminatoria da estrema dereita», argumenta O Soño de Lilith.

«A quen nos vén acusando de ir demasiado lonxe, dicímoslle que seguiremos avanzando e iramos máis lonxe aínda contra a precariedade laboral, as expulsións nas fronteiras, a discriminación das persoas migrantes, o negocio das guerras e por que os dereitos e liberdades se estendan a todas as mulleres e os homes», conclúe o colectivo.