Teatro, ciclo de cine e maratón de fotografía para conmemorar o 8M en Vilagarcía

AROUSA

O Soño de Lilith convoca unha manifestación que o vindeiro sábado percorrerá as rúas da cidade con motivo do Día Internacional da Muller
01 mar 2025 . Actualizado a las 19:59 h.A conta atrás para a conmemoración do Día Internacional da Muller —unha xornada que simboliza a loita da muller contra calquera tipo de discriminación, por suposto da violencia exercida por motivos de xénero— comezou, e o Concello de Vilagarcía deseña un programa no que iniciativas clásicas, coma o maratón fotográfico, se combinan cun ciclo de cine «de mulleres, dirixido por mulleres con problemas de mulleres», en palabras de Marta Villar, directora de Arte afincada na capital arousá que colaborou con Ravella e co Cineclub Ádega na súa organización. «Todos os días son 8 de marzo e non podemos baixar a garda na loita en defensa dos dereitos das mulleres, sobre todo diante da onda negacionista que están a abrazar representantes políticos, algúns deles con cargos de responsabilidade», sinalou a concelleira socialista Tania García.
Loli Maquieira, axente mediadora do Centro de Información á Muller de Vilagarcía, foi a encargada de debullar unha programación que botará a andar o vindeiro venres, 7 de marzo.
7 de marzo
Lectura do manifesto. Elaborado polo Consello Local da Muller, a lectura do manifesto terá lugar ás doce do mediodía. Fronte a Casa Consistorial, se o tempo o permite, e no salón de plenos se a choiva fai acto de presenza. O acto contará coa colaboración do alumnado da escola municipal de música.
8 de marzo
Maratón fotográfico. A cita chega á súa 16 edición. Os participantes recibirán tres temas a traballar, sempre sobre a desigualdade e a situación da muller, que serán sorteados a primeira hora, para percorrer as rúas da cidade tomando imaxes. As fotografías serán entregadas a última hora. Haberá tres categorías, un por cada un dos tema. Na modalidade xeral os premios serán de douscentos euros. Na infantil, o agasallo dunha cámara.
22 de marzo
No auditorio. Posta en escena de As alumnas, unha obra de Paula Carballeira que protagonizan Mónica Caamaño e a vilagarciá Anabel Lago baixo a dirección de Fina Calleja. Ás oito e media do serán e totalmente de balde.
1 de abril
Exposición de fotografías. A mostra das imaxes tomadas o 8 de marzo será inaugurada na sala de exposicións do auditorio, onde permanecerá todo o mes. Nesa mesma data serán entregados os premios da maratón.
ciclo de cine
«Prefiro condenarme». Documental dirixido por Margarita Ledo, quen iniciou a súa traxectoria coma documentalista coa peza A santa liberdade. Este é o seu traballo máis recente, do 2024, centrado no xuízo por adulterio a unha mariscadora de Ferrol en 1972. A autora participará na proxección en Vilagarcía. O venres, 7 de marzo.
«Bird». Drama social sobre a adolescencia que asina Andrea Arnold, a recoñecida cineasta gañadora do oscar á mellor curtametraxe de ficción no 2005. Trátase dunha coprodución entre o Reino Unido e Francia. O venres, 14 de marzo.
«O soño da sultá». Un conto feminista baseado nun relato de Begum Rokeya do 2005. A directora é a donostiarra Isabel Herguera, con produción de Abano Films, con Chelo Loureiro á fronte. Loureiro conta con catro premios goya no eido da animación. O último traballo da directora e produtora galega, especializada en animación e na temática feminista, titúlase Yo voy conmigo. O venres, 21 de marzo.
As tres proxeccións terán coma escenario o Salón García, sempre á mesma hora: oito e media do serán. A entrada é de balde.

O Soño de Lilith convoca unha manifestación para o sábado dende a praza de Galicia
«Fronte aqueles que durante estes anos veñen atacando o feminismo e queren impoñernos unha visión nostálxica e romantizada dun pasado no que as mulleres estabamos relegadas ao doméstico, a nosa resposta é saír ás rúas e seguir traballando cara día por acabar coa precariedade e as discriminacións que seguen atravesando as vidas de moitas mulleres». Este é o claro posicionamento do colectivo feminista O Soño de Lilith de cara á conmemoración do Día Internacional da Muller. Coma cada ano dende hai xa un decenio, unha manifestación percorrerá o 8M as rúas de Vilagarcía. Farao o sábado, ás doce do mediodía, partindo da praza de Galicia.
A entidade sostén que o machismo é un fenómeno estrutural, con raíz nun sistema patriarcal que é base das desigualdades, «tanto económicas coma sociais que vivimos as mulleres». «O feminismo e as mulleres somos a maior barreira democrática perante a ameaza xenófoba e discriminatoria da estrema dereita», argumenta O Soño de Lilith.
«A quen nos vén acusando de ir demasiado lonxe, dicímoslle que seguiremos avanzando e iramos máis lonxe aínda contra a precariedade laboral, as expulsións nas fronteiras, a discriminación das persoas migrantes, o negocio das guerras e por que os dereitos e liberdades se estendan a todas as mulleres e os homes», conclúe o colectivo.