Así será este domingo de Entroido en Arousa: os desfiles encherán as rúas de disfraces e de música

AROUSA

O luns haberá máis citas á espera do martes, outro dos días grandes do carnaval na comarca
01 mar 2025 . Actualizado a las 19:59 h.O Entroido xa está en plena efervescencia. A partir das cinco da tarde celébrase o desfile en Meis, os disfraces tomaron as rúas no resto da comarca aproveitando este sábado solleiro e á noite soarán as comparsas no Grove. Ata Piñata queda moita leña por arder. Mentres, esta é a axenda para o domingo e o luns.
cambados
Con saída de San Tomé. En Cambados celebrarase este domingo o gran desfile coa participación de trece carrozas e dúas maquetas. Partirán ás cinco da tarde de San Tomé e percorrerán o centro do pobo ata Fefiñáns. Entregaranse tres premios de 700, 600 e 500 euros e cada participante recibirá 250 euros. O luns celebrarase o tradicional concurso de disfraces infantil no salón Peña e o martes empezará ás 20 horas no auditorio municipal o festival de comparsas. O Entroido cambadés arrancou o venres cantando na praza de Alfredo Brañas co concurso A túa cara sóame, que gañou Aroa Gutiérrez interpretando a Amy Winehouse.
a illa
Pregón e liborios. Na Illa tampouco dan tregua este domingo. A charanga Os Encerellados animará a sesión vermú e ás seis da tarde terá lugar a lectura do pregón seguido do Desfile de Liborios mentres a música soa na carpa instalada no Regueiro. Con todo, o día grande será o luns, cando ás 17.30 horas sairá o desfile de disfraces desde a casa do mar e a festa prolongarase ata que saia o sol. Ata as catro da madrugada está garantida a música con sesión dj no Regueiro.
O Grove
Volven as comparsas e o concurso infantil. Por se a festa desta noite no pavillón non fora suficiente, as comparsas volverán saír mañá ao mediodía á rúa para amenizar a sesión vermú nos bares. O domingo pola tarde haberá un festival de disfraces infantil a partir das cinco no pavillón de deportes á espera do gran desfile do martes na popular e populosa Catorse.
catoira
Disfraces e comparsas. Este domingo os disfraces tomarán ás rúas do concello vikingo cun desfile que comezará ás 17.30 horas na praza Doutor Vázquez, acompañado da Banda de Música de Catoira, e posterior festa na alameda con concurso de disfraces e comparsas.
pontecesures
Con premio. Á beira do río Ulla tamén celebran o desfile o domingo, con premios para os mellores disfraces. Será a partir das 17.30 horas co seguinte percorrido: Portarraxoi, San Lois, Travesía do Muelle, Peirao, Travesía do Automóvil, Sagasta e Prazuela.
meaño
Vermú e baile. A charanga Mil Nove amenizará este domingo a sesión vermú en Dena e a partir das seis da tarde haberá baile para adultos no centro social de Dena.
ribadumia
Agardando ao luns. O concurso e desfile de disfraces e carrozas infantís dará comezo ás 16.30 horas na casa de cultura de Ribadumia e rematará na Carballeira de Barrantes, onde se celebrará a entrega de premios e un espectáculo de animación infantil a cargo de Javi Solla.
vilagarcía
Festa na Peixería o luns. A falta de concurso de comparsas e á espera do gran desfile do martes, os nenos de Vilagarcía teñen unha cita este luns pola tarde na praza da Peixería cunha festa amenizada pola Duendeneta, un pintacaras e taller de tatuaxes, de chapas e de marionetas.