Vilagarcía substitúe as lousas danadas no entorno da Baldosa e traslada o mosaico de Víctor Rúa

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

As obras de reemprazo do solado durarán un mes e non suporán o peche completo de Valentín Viqueira

11 mar 2025 . Actualizado a las 05:05 h.

Foron once artistas e once intervencións que, entre os anos 1993 e 1994, deron un paso pioneiro á hora de integrar a arte e o urbanismo. O escenario foi o entorno da rúa da Baldosa, e o seu promotor, o Concello de Vilagarcía. 32 anos despois, varias destas obras, algunhas desaparecidas en parte, padecen un notorio deterioro que pide a berros unha actuación decidida. A primeira delas xa está sendo recolocada. Trátase do mosaico que Víctor Rúa emprazou na área da Alameda.

A obra ocupou durante todo este tempo un espazo no comezo da rúa Valentín Viqueira, entre o quiosco e a sé do Banco de Santander. O Concello chegou a un acordo co autor para o seu traslado a un entorno próximo, que probablemente estea na propia Alameda, nun lugar no que non transiten vehículos.

Esta mudanza dáse no seo das obras de substitución dunhas sesenta lousas que presentan distintos danos en Valentín Viqueira. Os traballos están sendo executados por Montajes J. M. Iglesias cun orzamento de 14.700 euros. A intervención, que durará un mes, non implicará o peche completo da rúa, senón que os operarios irán valando sucesivamente as zonas de traballo.