Follas Novas despídese de Arousa; pecha o paraíso das letras en Vilagarcía

AROUSA

A libraría ubicada en Vilagarcía inicia unha campaña de descontos para rematar de baleirar os seus andeis, nos que aínda quedan 36.000 libros
15 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A libraría Follas Novas Arousa naceu como unha promesa cumprida. Cóntanolo Beatriz, a muller que dende finais do 2017 levou o peso dun negocio que soñara o seu pai. O seu pai era Manuel Silva, un dos homes que nos anos setenta abriu no alto da Praza Roxa de Santiago de Compostela unha tenda de libros que ten medrado ata se converter nun símbolo. Foi el quen quixo abrir unha «sucursal» daquel negocio en Vilagarcía, quen buscou un local e quen decidiu que o atopara cando pasou ao carón de Fexdega. Manuel non puido ver o seu soño cumprido, pero un ano despois do seu pasamento, os seus fillos abriron as portas dun establecemento que se converteu, pronto, nun paraíso para a xente que ama os libros. Agora, Follas Novas Arousa vai pasar ser un paraíso perdido: a marabillosa tenda de libros vai pechar a súas portas. A libraría orixinal, a de Compostela, está a piques de dar un novo estirón e resulta preciso, explica Beatriz, concentrar os esforzos nesa nova e enorme aventura. «Non se pode botar máis millo do que se pode cavar, dicía meu pai. Pois diso se trata», conta Beatriz cun sorriso.
As despedidas non son fáciles. E dicirlle adeus a un proxecto no que se ten investido tanto tempo, tanto esforzo, non é sinxelo. Afortunadamente, a melancolía non ten espazo cando hai moito traballo por facer. E en Follas Novas Arousa, estes días, o traballo sobra. «A decisión de pechar está tomada dende hai un ano», explica Beatriz. Neste tempo, máis da metade dos libros que enchían os andeis da libraría teñen desaparecido. Malia todo, aínda quedan máis de 36.000 exemplares no local. Un bo lote que a partir deste sábado se vende con descontos especiais dun 15 %.
Mentres colga o cartel que anuncia a liquidación por peche de tanto libro excelente —un dos sinais de identidade de Follas Novas é a gran cantidade e variedade de volumes que pon ao alcance da man—, Beatriz recoñece que traballar en Vilagarcía non resultou fácil. O pulso da capital arousá é ben diferente ao de Compostela, onde a libraría familiar se ten convertido, co paso dos anos, nun espazo de cultura e mesmo de peregrinación para quen goza entre papel, tinta, palabras, historias, soños... «Aquí, ese ambiente Follas Novas habíao os sábados. Os sábados era cando viña esa xente que anda entre os libros, que se para, que os mira, que le un pouco, que os deixa... Poden comprar ou non, pero veñen a gozar dos libros», explica Beatriz. Da súa boca empezan a saír nomes, formando unha lista importante. «A esa xente é á que máis imos botar de menos, a verdade», comenta.
Durante anos, a libraría organizou presentacións de libros, charlas, sesións de conta contos... Empeñada en formar parte da vida cultural de Vilagarcía, habilitou un oco para os autores e as autoras da bisbarra; e mesmo se creou un espazo de literatura infantil en inglés tras detectar «que nese tema había moitas familias implicadas». O resultado de tanto esforzo non foi malo, pero as circunstancias obrigaron á familia que está detrás deste negocio a tomar decisións. «Tentamos atopar a alguén que se animase a coller o relevo», explica Beatriz. Pero levar un negocio co carácter e o volume de Follas Novas é unha empresa que mete respecto. Así que a libraría pecha. Algúns dos clientes habituais xa teñen reservados os orixinais carteis de animación á lectura cos que Beatriz encheu as paredes nas que ata hai pouco había librarías de madeira. Dende un deses pósters, David Bowie mira fixamente o libro que ten entre mans. Ten o rostro serio. O camaleónico artista parece estar a se despedir, el tamén, dunha libraría que é un tesouro.