O Inelsa Solar Asmubal Meaño sitúase a 1 punto do título de Liga da DH Plata Femenina
AROUSA

As de Juan Manuel Costas derrotan 26-32 o Alegra BM Sanse
30 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Inda coas baixas de tres das súas xogadoras de referencia, Eli Méndez, Paula Rey e Sabela Miniño, o Inelsa Solar Asmubal Meaño probou na tarde de onte en San Sebastián de Los Reyes o porqué da súa condición de líder do Grupo A da División de Honor Plata Femenina, e a diferenza cun Alegra BM Sanse que vaga pola zona media da clasificación. Ao remate do choque, 26-32 para o conxunto galego, que con este resultado disputará a vindeira semana a derradeira xornada da fase regular da competición sabendo que sumando 1 dos 2 puntos en xogo no seu duelo co Balonmano Leganés no Coirón Dena, conquistará o seu primeiro título de Liga da terceira categoría do balonmán feminino español faga o que faga o Balonmano Gijón na cancha do Rubensa Indupor BM Porriño.
Comezou o Asmubal por debaixo no marcador, 3-4, no habitual tanteo e intercambio de goles co que se soen medir os equipos nos inicios dos partidos. O choque foi máis ou menos igualado ata que aos 20 minutos o cadro que dirixe Juan Manuel Costas pegou un primeiro estirón, índose 11-15 a falta de cinco minutos do descanso. Proba do poderío meañés e da súa superioridade sobre o Alegra BM Sanse foi a capacidade do primeiro de conservar os catro tantos de vantaxe no intermedio, 13-17, pese a xogar con tres menos máis de medio minuto por cadansúa exclusións a Vanesa Domínguez, a Cárol Ferreira e a Sofía Arangio.
O cadro madrileño tentou darlle a volta á tortilla cunha defensa máis adiantada na segunda parte, en 5-1, pero non foi quen de rachar a barreira dos dous abaixo.
FICHA DO PARTIDO:
ALEGRA BM SANSE (26): Fidalgo (5), Vega, Angélica Buenache (4), Luján (2), María Higuero (3), Laura González (2), Lucía Sacristán (3), Paula Hidalgo, Martí, Lucía López (2), Alba López (3), Irene Chico (1), Nerea Torres (1) e Sara Gómez.
INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (32): Nadia, Sineiro (1), Danilza Liranzo (11), Arangio (2), Cárol Ferreira (7), Currás, Uxía, Larralde (1), Ballada (2), Laura Miniño (4), Luna, Vanesa Domínguez e Shaila (4).
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 3-4, 5-5, 7-8, 9-11, 11-15, 13-17 (descanso); 14-18, 16-18, 18-22, 21-25, 25-28 e 26-32.
ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Raúl Rodríguez e Bernardino Fernández. Castigaron con dous minutos as locais Alba López (min 15,35), Luján (15,56) e Laura González (36,16); e as visitantes Liranzo (min 15,06), Vanesa Domínguez (24,12), Cárol Ferreira (24,54 e 51,07), Arangio (25,39) e Laura Miniño (54,50)