Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O Pombal reunirá preto de 200 taekuondistas de idade escolar

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

03 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cambados converteráse neste primeiro domingo do mes de abril na capital pontevedresa do taekuondo. No Pavillón Municipal do Pombal, ao longo de toda a mañá, preto de dous centos de rapaces de 8 a 14 anos disputarán o Campionato Provincial de Taekuondo de Combate en Idade Escolar.

A cita, organizada polo club local Innae en colaboración co Concello de Cambados, foi presentada onte no consistorio da vila do albariño, con presenza do adestrador do Innae, David Fresco, da directiva da entidade Iria San Juan, da concelleira de Deportes, Noelia Gómez, do alcalde, Samuel Lago, e de Noelia Pérez en representación da Federación Galega de Taekuondo.

Iria San Juan quixo agradecer o apoio imprescindible do comercio local e das Administracións públicas, Concello, Deputación e Xunta de Galicia, para que o campionato provincial se celebre en Cambados.

Onte, a dous días do peche definitivo da inscrición, eran 166 os deportistas anotados. Entre eles, unha ducia de taekuondistas da canteira do club Innae. Estes últimos gozarán dunha ocasión única, a de poder gozar do deporte que tanto lles gusta en presenza dos seus familiares e achegados competindo na casa, nun escenario que chamará a atención de moitos polo despliegue dos cinco tapices que se colocarán no Pombal.