Das tribulacións dun xardineiro amateur

AROUSA

MONICA IRAGO

Os xardíns son natureza artificial

20 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Plantei centos de especies nunha leira a toxos e carrasca, que quixen transformar en xardín, sen esquecerme das froiteiras: cítricos, maceiras, pereiras, caquis, nespereiros, aguacateiros, shaqui, freixoeira, pexegueiros, cerdeiras —que sempre fartan os merlos, máis espelidos ca min—, vides, marmeleiros, ameixeiras, albaricoqueiros que nunca deron nin un, kiwis e kiwiños, arandeiras, milgrandas coas froitas que escachan na árbore nas primeiras choivas do outono, figueiras, un chirimoio que dá dúas ou tres cada inverno, e algúns máis, ata tropicais. Medran alí arbustos e árbores de flor das máis diversas procedencias, mesmo unha michelia do Tibet. Comprei libros de botánica para saber de cada planta —hai unhas trescentas distintas— e, de verdade, podería disertar sobre calquera se houbese alguén que quixese escoitar. Obviamente son un amateur na xardinaxe. Pero son lacazán porque me gusta máis contemplar ou leriar que armarme de legón, desbrozadora ou cortasebes. Aínda así prometinme que estes pasados festivos ía pór en orde todo aquilo. E alá fun con roupa e calzado ad hoc, ferramenta apropiada, insecticidas, antifúnxicos e demais química —todo moi estudado— para que aquel espazo non me vencese e volvese ser o lugar idílico que pretendín —tamén teño un estanque, cada vez menos estanco, con limpafontes e carpas—. Ía con toda a intención; pero chovía. Nun dos clareos enchinme de valor e quixen empezar porque había moitos inimigos que derrotar: aquela selva, e toupeiras, formigas, lesmas, caracois, ratos, esquíos —que ata comen as laranxas—. Pero pasou que cando deixaba de ser contemplativo e botaba a man ás ferramentas, doíame o lombo. Matinei que a xardinaría non era propiamente ecolóxica e que eu sempre fora defensor do medio ambiente natural porque toupeiras, ratos, lesmas, caracois e formigas, e non digamos o pulgón e a tropa de escaravellos, tamén teñen dereitos, incluso alí no meu xardín. E non son feos. Non digamos xa os centos de paxariños —xílgaros, verderois, estreliñas, chascos …e eses merlos sen paranza, ou as rapinas e ata as garzas que cada verán descobren o estanque para engulírenme os peixes. E escoitar o rechouchío dos paxaros, que non sei se non serán burlas, mentres peteiran na froita como tolos ou fartándose coas cereixas a piques de pórense vermellas, tamén é unha satisfacción… Ou non me digan que non é fermoso contemplar un xuvenil de cobra de colar a serpentear polo regato en busca de ras, ou, despois de descubrilo cun susto, quedarse apampado a ollar a santa pachorra dun sapo agachado entre follas húmidas, pedindo por favor que non veña amolalo. E a grama, testuda, que invade todo, sen que sexa posible parala. Cavilei: terei que amolar o lombo para destruír o medio natural?. Pois non: que vivan todos e todo en liberdade, que crezan como queiran, que coman a froita, que roian as follas novas, que se devoren entre eles; que se está moi ben no sofá vendo un partido de fútbol!. Guindei co legón, coa desbrozadora e coa mochila de sulfatar e funme coa conciencia tranquila. Antes desa arroutada, como teño alí un galiñeiro ? declarado, iso si- cunha ducia de poñedoras e un galo de Mos, matinei que esas aves poderíanme axudar. Abrinlles a porta do cercado para que comesen libremente aquel xentío de insectos e vermes. Gozaron, notábaselles. Arrimado a un angazo que quería usar, contemplei como o galo arrogaba para si o papel de protector sen que as galiñas lle fixesen nin caso mentres corrían axitando as ás para escaravellar aquí e alá, onde lles petaba, e enzoufarse de terra morna. Víanse felices. Nunha destas, despois dunha raxeira, empezou a espingazar e foi indo a mais ata que se botou a chover a fío e como xa era a noitiña, metinme na casa. Esquecinme de irlles cerrar. Onte pola mañá topei a cabeza do galo cos ollos abertos rodeada das plumas negras irisadas do rabo. Só quedaba unha galiña, empoleirada nun loureiro. Puido ser raposo, marta, xeneta; ou todos ou calquera. A Natureza libre. Repensarei o de amolar o lombo coa desbrozadora.