A Vilagarcía Basket Cup Helena Mariño dobra tamén o seu impacto económico: 1 millón de euros

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A aposta por multiplicar por dous o número de xogadores e aumentar nunha xornada o torneo resultou un éxito, salienta a organización

22 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Vilagarcía Basket Cup Helena Mariño completou o domingo con éxito o seu último gran salto adiante. «Saiu todo perfecto. Sen retrasos nos partidos» pese a duplicar o seu desde hai anos habitual milleiro de xogadores para reunir a algo máis de 2.200 en catro días na vixésimo oitava edición. Unha revolución que obrigou a ampliar de tres a catro o número de xornadas de competición, abranguindo a totalidade dos días feirados da Semana Santa e volvendo a ter que rebordar os límites municipais da capital arousá, para tirar dos veciños Cambados e A Illa de Arousa. Só así puideron cadrar os responsables da VBCup Helena Mariño todos os números, cun total de quince pistas de baloncesto en acción simultaneamente.

«Duplicar o número de xogadores dábanos moito respecto. O que máis nos preocupaba era a loxística. E saíu todo moi ben», di Erea Hierro. A voceira da organización tira da «valoración moi positiva dos equipos, algúns pedíndonos xa hoxe», o día despois, «que os apuntemos para a edición do ano que vén».

Fronte á euforia entre quen gozou dunha nova experiencia da que quizais sexa a maior cita de baloncesto base por número de participantes de España, os que teñen entre mans a súa montaxe precisan dun tempo de descompresión e de valoración, din.

«Demostramos que somos quen de facer o dobre ou o triplo do que faciamos. E se non facemos máis é por unha cuestión puramente loxística: Non hai máis pavillóns, nin máis hoteis», declara Hierro, visiblemente esgotada tras completar os labores de recollida de material o domingo ás once da noite xunto ao resto do medio cento de persoas que traballaron na operativa da Vilagarcía Basket Cup Helena Mariño.

A voceira do torneo salienta o sobre esforzo de ter que alimentar este ano a moitos equipos no Colexio San Francisco e cun cátering no propio recinto feiral de Fexdega, toda vez que a necesidade de tirar de hospedaxes en Caldas de Reis por primeira vez na historia do campionato facía inviable chegar a tempo para as ceas ao termo das primeiras xornadas de xogo.

Nesta vixésimo oitava edición, foron arredor de 7.000 as persoas que asistiron á cita deportiva, incluídos os seus máis de 2.200 xogadores, con case 300 partidos nos catro días de competición. Todos estes números multiplicaron tamén por dous o impacto económico calculado nos últimos anos pola organización da VBCup Helena Mariño, cifrado onte por Erea Hierro en «arredor dun millón de euros xerados».

Chegados a este punto, os seus responsables consideran que é preciso tomarse unhas longas semanas para «recapacitar, parar, e ver cara onde queremos que vaia o torneo». E neste punto, di a súa voceira, «temos todas as posibilidades abertas». Desde reducir equipos tras a súa máxima extensión para tentar concentrar todo de novo no recinto feiral de Fexdega e facilitar así o seguimento dun torneo que contou co Atlético Avilesina e La Flecha campións dos dous grupos júnior masculino, e o Villamuriel do júnior feminino, a mesmo ampliar nun quinto día o seu programa.