O eco das revolucións resoa entre os alumnos do instituto Cotarelo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Mónica Irago

Os alumnos tomaron artisticamente o parque de Dona Concha, repartiron caraveis e lembraron o 25 de abril en Portugal, o maio francés do 68 e o levantamento galego de 1846

26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O 25 de abril de 1974, a emisión radiofónica de Grândola Vila-Morena, o himno de Zeca Afonso, activou en Portugal a revolución cívica dos caraveis para rematar con cinco décadas de ditadura. A lembranza daquela data vén de ser actualizada polos departamentos de Galego, Francés e Artes Plásticas do instituto Armando Cotarelo Valledor, en Sobradelo (Vilagarcía). Un programa repleto de accións culminou onte, no parque Dona Concha de Vilaxoán, cunha toma artística do espazo público. Houbo un pasarrúas dende o centro, una intervención de arte efémera con mensaxes reivindicativas, unha foliada da agrupación escolar Armando Festa!, unha performance polos alumnos de lingua francesa, reparto de caraveis e, por suposto, a interpretación coral de Grândola e de Motivés, o canto de resistencia composto pola banda francesa Zebda.

MONICA IRAGO

A conmemoración estendíase, en realidade, moito máis atrás no tempo. Tanto coma ata abril de 1846 para rememorar o levantamento do coronel Solís e outros once militares contra o goberno autoritario de Narváez e a recuperación de dereitos para Galicia. A derrota conduciu ao fusilamento dos seus protagonistas, coñecidos dende entón coma os mártires de Carral. Un chanzo máis próximo atópase o mes de maio de 1968, no que as revoltas de París marcaron a emerxencia dun mundo que quixo ser distinto. «O ensino debe actuar e lembrar aquelas persoas que non dubidaron en legarnos unha sociedade mellor». Sen dúbida.