Tono Campos, Iván Alonso e Candela Romero sacan praza no Campionato de Europa de Maratón
AROUSA

Os padexeiros arousáns fanse con cadanseu billete na distancia curta
26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O proceso de selección do equipo nacional que presentará a Real Federación Española de Piragüismo no Campionato de Europa de Maratón 2025 arrincou onte con excelentes noticias para a armada arousá. Conseguindo representación en tres das catro embarcacións da distancia curta nas probas específicas celebradas na localidade catalana de Banyoles na antesala do Campionato de España de Maratón.
Iván Alonso, padexeiro do Club de Piragüismo As Torres-Romaría Vikinga de Catoira, probou a súa condición de referente nacional do caiac de fondo que mantén desde hai anos impoñéndose no percorrido de 3.000 metros e dous porteos cun tempo de 15.30,43 e un segundo de vantaxe sobre outro home forte da disciplina, o asturiano Walter Bouzán, que o acompañará en xuño á cita continental de Ponte de Lima.
O grovense Tono Campos (17.31,75) acudirá tamén ao campionato en augas lusas no C1 curto, no seu caso logo de rematar tras o vencedor do selectivo, o pontevedrés Jaime Duro, con 1,17 segundos de diferenza entre ambos os dous.
Tamén segunda e, polo tanto, con praza europea, finalizou a padexeira do Náutico Pontecesures Candela Romero no selectivo do C1 Muller, cun tempo de 21.46,09, case minuto e medio por diante da terceira, Noa Conde, do Rías Baixas-Boiro, pero tamén sen opción de gañar o control, a 20,2 segundos de María Martín, do Aranjuez. Esta fin de semana coñeceránse os nomes dos integrantes do equipo nacional no Europeo na distancia estándar a partir dos resultados do Campionato de España.