Vilagarcía mergúllase na danza para celebrar a semana de Muller e cultura

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Obradoiros, debates e moitos espectáculos de rúa protagonizarán a sétima edición do programa de Igualdade

26 abr 2025 . Actualizado a las 20:04 h.

Vilagarcía vaise encher de danza da man da sétima edición da semana Muller e cultura, unha iniciativa que cada ano está dedicada a unha expresión artística diferente. O programa arrincará o martes 29 de abril cunha mostra de baile clásico no auditorio municipal, a partir das sete e media da tarde. A escola Perla de Arousa, o centro artístico Begoña Fontán, Gema Pizarro e o estudo de danza Lendaria protagonizarán esta primeira proposta, totalmente de balde.

«O baile parécenos unha ferramenta de comunicación moi potente», apuntou a concelleira de Igualdade, Tania García. Na dirección da actividade estará Maruxa Salas, unha artista cunha ampla traxectoria. «Falamos de mulleres valentes e pioneiras nun sector moi feminizado, pero no que os postos directivos adoitan recaer en homes», subliñou Paula Rodríguez, técnica do departamento municipal.

O venres 9 de maio será unha das xornadas máis completas. Comeza ás cinco da tarde co obradoiro Danza, creación e autocoidado a cargo de Nuria Sotelo. Coma no resto dos obradoiros, será preciso inscribirse previamente na área de Igualdade ou en muller@vilagarcia.gal. Haberá unha vintena de prazas. Ás 19 horas a programación trasladarase ao Salón García para o desenvolvemento dunha mesa redonda: Unha ollada feminista ás artes do movemento, con Sabela Mendoza, xestora cultural, Julia Laport, artista, Ruth Balbís, fundadora do colectivo RPM, Ana B. Pérez, docente e directora de arte, e Nuria Sotelo, bailarina e coordinadora da Casa Vella. De seguido, Ana Beatriz Pérez presentará o espectáculo Anfibia, centrada nas mulleres bailarinas máis veteranas e os estereotipos que deben rachar.

O sábado 10 de maio haberá distintos espectáculos de danza na praza de Galicia: Onde pousa a humidade, de Marcia Vázquez, Estender coma se puidera, de Julia Laport, e Magneto I, unha improvisación que contará coa música da dillei Eva Comesaña. Á tarde, a partir das cinco, chegarán os obradoiros Iniciación á danza urbana, na antiga biblioteca, e Danza colectiva para maiores, no pavillón Castelao Helena Mariño.

Como remate, o domingo 11 de maio a praza de Galicia acollerá á unha da tarde un espectáculo de teatro musical a cargo da compañía Coda. «Ademais de pór en valor o papel da muller artista, pretendemos dar visibilidade a unha disciplina non sempre ben recoñecida», concluíu Julia Barbosa, a directora do Centro de Información á Muller de Vilagarcía.