Das plantas vagabundas

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MARTINA MISER

O escritor francés Gilles Clément defende os conceptos de xardín planetario e xardín en movemento, sen que considere que se deban eliminar metodicamente especies invasoras

04 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Gilles Clément (1943) é un escritor francés, paisaxista, xardineiro, enxeñeiro agrónomo e profesor na Escola Superior de Paisaxismo de Versalles. Defende os conceptos de xardín planetario e xardín en movemento, sen que considere que se deban eliminar metodicamente especies invasoras, defendendo que os xardíns deben amosar tamén a globalización na que vivimos. En 2007, con motivo da elección do político de dereitas Nicolás Sarkozy como presidente, renunciou a calquera contrato co Estado francés e dedicouse aos que el chamou «proxectos de resistencia»; o primeiro nese mesmo ano nunha Bienal de Arte Contemporánea, no que amosou un xardín acuático e outro de estrugas do que se podía extraer xurro para evitar o uso de pesticidas. Publicou no 2002 Eloxio das Vagabundas, (en España, ed. CG, 2022) que ten, sen prexuízo do resto do libro, unha primeira frase sorprendente: «As plantas viaxan. Sobre todo as herbas. Desprázanse en silencio; como fan os ventos. Non se pode facer nada na súa contra». Describe como ese peregrinar emprega moi diferentes medios de transporte como paxaros, formigas, herbívoros, ou o ser humano do que di que é un «animal inquieto en incesante movemento». Loxicamente, fai referencia tamén ás campañas de eliminación de especies foráneas, esas que compiten polo hábitat das autóctonas e ao labor das entidades conservacionistas. Chámalles os «radicais da ecoloxía, os que se aferran á nostalxia», e que son, di el, os anoados a que nada ten que cambiar, «claman contra o vagabundeo» e pregúntanse «Que pasará se os estranxeiros ocupan o terreo. Falamos de supervivencia». Argumenta que «a ecoloxía parece refén dos seus propios integristas que designan como patrimonio o máis mínimo carácter identitario —unha paraxe, unha paisaxe, un ecosistema— para así poder rexeitar todo o que non o reforza». Describe a actuación deses conservacionistas deste xeito: «Atácase aos seres que non teñen nada que facer aquí, sobre todo se aquí se senten felices. En primeiro lugar hai que eliminar; despois xa se verá. Regular, contabilizar, fixar as normas dunha paisaxe, as cotas de existencia. Declarar inimigos, pestes, e ameazas aos seres que ousan traspasaren as estremas. Iniciar un procedemento, definir un protocolo: ir á guerra». E remata o parágrafo aclarando: «Este libro oponse a unha actitude cegamente conservadora. Considera a multiplicidade dos encontros e a diversidade dos seres como riquezas que se suman ao territorio». Dedica os capítulos da obra ás plantas que denomina vagabundas —curiosamente o Dicionario da Real Academia Galega di que é sinónimo de moinante—. Menciona, entre outras que se ven nestas terras, o verbasco que desde Europa foise aclimatar por toda América e Australia. Crece en terreos removidos e tivo por aquí numerosas aplicacións, desde tinguidura para volver o pelo louro, a infusións contra a bronquite e as dores menstruais; as súas follas peludas ata substituíron ao tabaco. Outra das vagabundas que describe é o fiúncho, orixinario do Mediterráneo, que crece entre nós nas beiras das estradas e onde haxa cascallos, rebos e pedregullo; utilízase como medicamento, condimento en ensaladas, aromatizante e no norte de Francia para envolver as xardas e asalas. Non fala de que por Galicia no outono é imprescindible para cocermos castañas. Di que o trigo, o millo ou a colza tamén andan por todo o planeta, pero, a diferenza deles, o fiúncho recorre a Terra porque lle dá a el a gana. Menciona outros vexetais como a figueira chumba ou a herba da Pampa —que ten infestado Hollywood!—. Obviamente, non son quen de criticar as campañas de eliminación de especies alóctonas, apoiadas por naturalistas e institucións públicas e privadas. Pode ser que os vexetais vagabundos no seu ir e vir incesante, incen espazos da flora autóctona. Pode ser. Matinar no paralelismo coa xente é inevitable.