O PP de Cambados valora como crítica a situación das contas municipais: «Todos os números están en vermello»

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

«Ata o Consello de Contas no seu derradeiro informe fai serias advertencias destes feitos e dubida da sostenibilidade dos servizos municipais e do pago dos gastos correntes», indica Sabela Fole

03 may 2025 . Actualizado a las 15:58 h.

O PP de Cambados cualifica de «crítica» a situación da tesourería municipal como consecuencia dos «perversos efectos» da xestión do goberno local. «Ata o Consello de Contas no seu derradeiro informe fai serias advertencias destes feitos e dubida da sostenibilidade dos servizos municipais e do pago dos gastos correntes», segundo explica a voceira municipal, Sabela Fole.  «Estaba claro que isto ía pasar porque temos catro grupos municipais que non funcionan como un goberno e todos queren os seus cartiños para gastar nas súas cousas, moitas delas innecesarias, co único obxectivo de ter a súa correspondente cota de protagonismo», indica Fole.

Segundo os datos do PP, «o aforro no Concello pasou nun ano de 761.558 euros a un resultado negativo de 240.370 euros e o remanente sitúase en 152.767 euros». «Só dous dos 28 concellos medianos de Galicia —Cambados e Fene— teñen aforro neto e remanente de tesourería negativos e, no caso da capital do albariño, as perdas en practicamente todos os parámetros sitúanse no millón de euros anuais», engaden os populares vía comunicado, no que aluden, tamén, a que Cambados é o concello da súa categoría da provincia de Pontevedra que máis fondos e transferencias recibe da Xunta.

«O único aspecto que non ía rematadamente mal no Concello de Cambados eran as contas, que tampouco estaban para tirar foguetes porque non había nin un euro para case nada, pero polo menos non había pufos esaxerados. Agora nin iso, porque todos os números están en vermello e temos todos os parámetros en negativo co conseguinte risco para os servizos e o funcionamento municipal», concluíu Fole.

Ante esta situación, o PP reclámalle ao alcalde, que ademais ten a delegación de Facenda, que aplique un plan urxente de choque «en vez do seu intento de subir os impostos, que é algo que pretende facer e, de feito, xa lanzou algún globo sonda nese sentido».