O Congreso de Mobilidade Sostible de FP reúne en Vilagarcía a alumnos e empresas

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Uns 650 participantes poderán presentar e coñecer os proxectos dunha ducia de centros educativos de Galicia e os estudantes presentar currículos nunha feira de emprego

08 may 2025 . Actualizado a las 19:11 h.

O Auditorio de Vilagarcía de Arousa serve, hoxe e mañá, de contedor do moito que ofrece a segunda edición do Congreso de Mobilidade Sostible en Medios de Transporte. Unha iniciativa que parte novamente dos departamentos de Automoción de Formación Profesional do CIFP Fontecarmoa de Vilagarcía e do IES de Vilalonga, e cos responsables dos mesmos, Álvaro Rodríguez e Rafael Domínguez, compartindo a súa dirección coa Dirección Xeral de FP da Xunta de Galicia.

Foro de intercambio de coñecemento, feira de exposición e tamén de emprego, circuíto deportivo... O congreso, que esta mañá inaugura o conselleiro de Educación e FP, Román Rodríguez, é un punto de encontro no que conflúen arredor de 300 estudantes de Formación Profesional de Galicia e 350 profesores e empresarios da comunidade.

Na parte industrial, o congreso contará cun amplo programa de conferencias e de mesas redondas con diferentes voces autorizadas dos mundos da industria, da ensinanza e da Administración. Entre elas, abrindo as charlas hoxe ás 9.15 horas, Eva Legido, directora técnica de UNVI, a fabricante de autobuses eléctricos do Grupo Pérez Rumbao, vendedor de un de cada dous turismos e de dous de cada tres vehículos industriais en Galicia.

Unha ducia de centros integrados de FP e institutos de Galicia amosarán os proxectos de innovación na familia da Automoción da Formación Profesional. Ademais dos dous organizadores, falamos dos CIFP Valentín Paz Andrade, As Mercedes, Coroso, A Xunqueira e Politécnico de Santiago e dos IES Lois Peña Novo, O Ribeiro, Manuel Chamoso Lamas, María Sarmiento e Castro da Uz. Xunto a todos eles, todos cantos se acheguen á contorna do Auditorio terán a oportunidade de coñecer os detalles do proxecto Barreiros-e-motion FP.

Co congreso centrado principalmente na electromobilidade, os asistentes poderán ver en funcionamento vehículos da Policía Nacional, da Policía Local de Vilagarcía, de Bombeiros de Galicia e do Exército de Terra, así como demostracións, como a que a partir das seis da tarde de hoxe farán operarios do Servizo Municipal de Emerxencias de Vilagarcía apagando o lume da batería dun coche eléctrico. E as marcas BMW, BYD, Citroën, Ford, Lexus, Nissan, Renault e Seat achegarán á cita de Vilagarcía modelos dos seus vehículos máis innovadores.

Os alumnos poderán entregar os seus currículos a varias empresas en cadanseu punto de atención e, ao mesmo tempo, coñecer as oportunidades de traballo e de promoción laboral que estas lles ofrecen. E para o profesorado, hoxe haberá unha exposición de libros de texto especializados na formación en automoción, cunha decena de editoriais presentes.

Os organizadores do congreso confían en repetir a excelente valoración que os participantes da primeira edición lles trasladaron o ano pasado.

Unha carreira de karts eléctricos no aparcamento da TIR

 

 

O segundo Congreso de Mobilidade Sostible en Medios de Transporte conta cunha das carreiras de karts eléctricos que a entidade sen ánimo de lucro Green Power organiza a nivel nacional e internacional entre os centros de ensinanzas de Automoción de FP adscritos ao seu programa. Como os sete galegos que se citan hoxe ás doce no aparcamento da TIR, o Fontecarmoa entre eles, cos karts eléctricos que construíron nas súas aulas.