Matías Cañón: «O partido abriume as portas, pero son eu quen decide, ou vai ser o BNG e o alcalde quen o diga?»
AROUSA
O concelleiro non adscrito non aclara se vai seguir asistindo aos plenos desde o público nin se vai ser candidato do PP en 2027. O partido xustifica a súa condición de non adscrito en cuestións burocráticas
10 may 2025 . Actualizado a las 17:34 h.Matías Cañón —o primeiro apelido, González, prefire deixalo para o DNI— seguiu o pleno celebrado o xoves na Illa sentado entre o público. Ocorreu así porque o concelleiro preferiu ver os touros desde a barreira antes que sentarse ao outro lado da mesa, xunto aos concelleiros do BNG. Con Cañón dáse unha circunstancia fóra do común. Foi candidato do PP no 2023, pero foi expulsado do partido por unha cuestión relacionada coa violencia machista o que o levou a tomar posesión da súa acta de concelleiro en calidade de non adscrito. Na práctica sempre exerceu de portavoz do PP, sentándose co resto do grupo municipal e asinando as notas de prensa. Hai un ano o PP provincial readmitiu a Cañón nas súas filas, pero o concelleiro segue mantendo a condición de non adscrito, o que, en opinión do alcalde Luis Arosa, debe visibilizarse, tamén, nos plenos da corporación. A polémica está servida.
—O xoves sentouse no público, que vai facer no próximo pleno?
—De momento faltan dous meses e tampouco sei que temas se van tratar. Espero que o alcalde recapacite e deixe de cumprir as ordes do portavoz do BNG, ao que lle gusta estar nun segundo plano pero dirixindo, como ocorre co tema do plan de tráfico, co que está esperando a que o alcalde se estampe.
—A que atribúe a decisión da alcaldía de cambialo de sitio no pleno?
—Non o sei, levo dous anos sentado na bancada da oposición, coa xente que é son meus compañeiros e agora veñen con isto. Que me digan que non podo estar no medio do grupo, vale, pero estou nun lado... Acordoulle agora cando son non adscrito desde o principio da lexislatura? Soa a pataleta porque isto vén de cando me readmitiron no partido. Supoño que pensaron: «Imos desestabilizalos e confundir á xente, imos castigalo». Ou será porque ao do BNG non lle gusta e verme a cara de fronte..., onde me sente non é importante, o importante son outras cousas.
—Por exemplo? Cal vai ser o próximo movemento do PP da Illa tendo en conta a política de comunicación tan activa que manteñen?
—O importante é que lle devolvan os cartos que lle cobraron en impostos indebidamente a todos os veciños e tamén aos propietarios de vivendas turísticas. E logo está o tema do plan de mobilidade, co que hai un descontento veciñal importante. Representamos á maioría dos veciños —nas últimas eleccións tivemos case 1.500 votos, quitámoslle 500 ao PSOE e ao BNG, pero ao non ter a maioría non puidemos gobernar— e a nosa labor é defender á xente que nos dou o seu apoio e as súas reivindicacións.
—Á espera de ver onde se senta nos vindeiros plenos, pensemos máis a longo prazo. Vai ser o candidato do PP en 2027?
—Non o sei, a vida cambia nunha patada.
—Depende de vostede ou do partido?
—Depende de min. O partido abriume as portas, pero son eu quen decide cando volvo. Ou vai ser o alcalde ou BNG os que digan cando vou volver ao PP?