O Sigaltec convida a Vilagarcía a sumarse a unha festa do baloncesto en pos da EBA

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O equipo vilagarcián exercerá esta fin de semana de anfitrión no Sara Gómez

21 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Sigaltec CLB xogará esta fin de semana a súa quinta fase de ascenso consecutiva á antiga Liga EBA, hoxe Tercera FEB. Faráo por primeira vez na dobre condición de mellor equipo da liga de clasificación para a final a catro e de anfitrión desta última, co Pavillón Municipal Sara Gómez servindo de escenario dúas semanas despois ao intento doutro equipo vilagarcián de devolver o baloncesto local a cotas máis próximas ao nivel da súa historia e da afección do seu pobo polo deporte da canastra. Tras a concesión da sede da fase por parte da Federación Galega de Baloncesto, na directiva do BBC «queremos que isto sexa unha festa. A nosa festa. Un remate de honra para o equipo», di o seu presidente, Isidoro Canabal.

«Levabamos catro anos meténdonos na fase, pero este ano gañámoslles a todos os equipos cos que xogamos nas dúas fases da Liga —o Sigaltec CLB só perdeu dous encontros dun total de 22, a domicilio, en Allariz e en Cambre—. E despois», conta Canabal, «do desprazamento de dous autobuses cheos para apoiar o equipo en Betanzos o ano pasado, vimos a posibilidade de facer algo bo».

Co aval do éxito de público e de ambiente da fase de ascenso á Liga Challenge feminina organizada sete días antes polo seu club irmán, a Agrupación Deportiva Cortegada, o BBC pediulle á Federación Galega de Baloncesto un baile de fin de temporada no anovado Pavillón Sara Gómez. Un recinto deportivo que a directiva de Canabal vai «vestir», adianta o seu presidente, «con música e con sorteos», facendo nos vindeiros días un traballo a pé de rúa para «encher de moita xente o pavillón» e multiplicar os arredor de 250 afeccionados de media por partido que este curso viñeron apoiando o equipo que adestra Luis Gabín nos seus encontros como locais. O último, o que o pasado sábado confirmou o Sigaltec CLB como primeiro na fase de clasificación, emparellándoo este sábado na segunda semifinal co Costa Ártabra de Ferrol, cuarto, en partido fixado a partir das 20 horas. Antes, desde as 17.30, o Óptica Cambre, segundo, mediráse ao Ulla Oil Rosalía de Santiago, terceiro. Os perdedores xogarán o domingo, no mesmo escenario a partir das 16.45, polo terceiro e cuarto posto, cos gañadores iniciando ás 19.15 a loita polo título de campión da Primeira División masculina galega e o premio do ascenso á Tercera FEB. O segundo, desde hai anos agraciado tamén co salto de categoría, deberá pola contra este ano acudir a unha nova fase, fóra de Galicia, para disputar un triangular cos subcampións autonómicos de Castela-León e de Euskadi, con dous dos tres participantes subindo ao termo da fase final extra.

«Para nós é unha oportunidade de vivir unha experiencia distinta. Xa non é que o equipo xogue na casa, é que os rapaces, case na súa totalidade de Vilagarcía, xogan na súa casa, na casa na que medraron deportivamente», di Gabín,