
O cadro illense visita o CD Lalín e os de Pénjamo reciben o subcampión do Grupo 1, o Negreira
25 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Oito aspirantes a dúas prazas de ascenso á Tercera RFEF. Desta maneira arrinca hoxe a fase da Preferente Autonómica. Un esprint final dun mes do que sairán os acompañantes do Atlético Coruña Montañeros e do CD Barco, campións dos grupos 1 e 2 da categoría, respectivamente. E entre os oito candidatos a seguilos, os arousáns Céltiga e Juventud Cambados.
Na súa calidade de subcampión do Grupo 2, con 68 puntos, a tan só 3 do CD Barco, o Céltiga parte co factor campo ao seu favor na eliminatoria contra un CD Lalín que accedeu á fase coma sexto do Grupo 1 e grazas á condición do Sigüeiro de equipo afiliado a un Compos descendido á Tercera RFEF. Con todo, o conxunto dezao, que esta tarde (17 horas) recibe o Céltiga no sintético do amplo Manuel Ángel Cortizo, dispón dun cadro de xogadores de gran nivel para a Preferente, comezando polo seu porteiro Mario e continuando con homes procedentes da categoría superior coma Manu Vilariño, Chiño ou o central Antonio. Bertua e Eloy Ferreira, con 11 goles cada un en Liga, son as grandes bazas ofensivas dun equipo adestrado por Willy Alonso, ex xogador da etapa dourada do CD Lalín.
Pola súa banda, o Juventud Cambados exerce hoxe de anfitrión do Negreira (Burgáns, 18 horas). O conxunto de Pénjamo, quinto no Grupo 2, recibe na ida da primeira eliminatoria da fase de ascenso ao subcampión do Grupo 1, que sumou 67 puntos, 8 máis co cadro arousán. O potencial do Negreira queda patente vendo o seu balance ataque-defensa, con 65 goles transformados, a case dous de media por partido, por tan só 33 recibidos.