Tanxugueiras completará a homenaxe ás cantareiras no Festivala de Vilagarcía

Bea Costa
bea costa VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Presentación do Festivala, este sábado en Vilagarcía
Presentación do Festivala, este sábado en Vilagarcía Mónica Irago

No cartel do vindeiro sábado están Caamaño&Ameixeiras, Pandereteiras Bouba, Nós de Sobradelo, Atenea García, Vero Rilo e Señora DJ 

28 may 2025 . Actualizado a las 09:17 h.

O vindeiro sábado, a música galega feita por mulleres volverá a soar en Vilagarcía a conta da novena edición do Festivala Mulleres Creando, que ten como cabeza de cartel ás Tanxugueiras. Elas lograron que toda España cantara en galego e contribúen a manter unha herdanza, a das cantareiras, que está máis viva que nunca grazas á celebración do Día das Letras Galegas. As cantareiras estarán tamén moi presentes nun Festivala que se alimenta doutras moitas músicas. O cartel do día 31 de maio complétase con Caamaño&Ameixeiras, Pandereteiras Bouba, o grupo da Asociación Nós de Sobradelo, Señora DJ e Atenea García e Vero Rilo, que deixarán testemuña da tradición oral do país.

As actuacións comezarán ás 19 horas na Praza da II República, onde tamén se desenvolverán obradoiros de música e baile tradicional. O mércores 28 xa se empezará a falar do Festivala a conta da proxección de Dorothé na vila por parte do Adega Cineclube, ás 20.30 horas no Salón García. Todas as actividades son de balde.

Festivala naceu para dar voz ás mulleres na industria musical, na que aínda segue demasiado silenciada. A lo menos esa é a opinión da asociación O Soño de Lilith que empezou hai unha década esa aventura baixo a premisa de que «se non podo bailar a túa revolución non me interesa». A militancia feminista tamén se pode exercer desde os escenarios e Vilagarcía quere ser unha referencia. O alcalde Alberto Varela dicía este mediodía na presentación do festival que oxalá esta iniciativa se replique noutras cidades fronte á xente «sobre todo homes, que lles cabrea e lles dá rabia que se celebre o Festivala».

No Concello de Vilagarcía teñen clara a súa folla de ruta e por iso apoian esta iniciativa que conta, tamén, coa colaboración da Xunta a través de Igualdade, Cultura e Política Lingüística. Non así da Deputación de Pontevedra que, segundo apuntou o socialista, non respaldou economicamente a presente edición. As súas verbas deron pé a un choque dialéctico coa directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, tamén presente no acto, que interveu para defender as políticas de igualdade do PP na institución provincial.