A Copa Ribadumia preséntase na mesa dos mellores torneos de España

P.P. Vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Iker Losada apadriña unha dobre cita que prevé máis de 5.000 asistentes

29 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A quinta edición da Copa Ribadumia-Clae Viajes fixo onte a súa posta de longo no Auditorio Municipal da localidade saliniense. O seu director, Paco Ozores, debullou as listaxes dos 36 equipos que do 13 ao 15 de xuño participarán no torneo de categoría infantil, e dos 54 que, unha semana despois, do 20 ao 22, competirán polo trofeo que acreditará o mellor da categoría benxamín sobre os dous campos do complexo deportivo da Senra.

Ante un auditorio profundamente anovado polas caras das decenas de futbolistas do club anfitrión, o CD Ribadumia, ansiosos por participar nos dous eventos, Paco Ozores nomeou o RCD Espanyol e o Atlético de Madrid como grandes novidades da Copa da categoría infantil. Ambos os dous figuran como cabezas de serie xunto ao Celta, ao Dépor, ao Braga, ao Porto, ao Vitoria de Guimarães e ao Shelborune irlandés, estes seis últimos, encadeando a súa cuarta participación en Ribadumia. O Fursan Hispania de Dubai aparece ademais na nómina de conxuntos foráneos, tamén nun torneo benxamín que contará co FC Dallas, procedente dos Estados Unidos, e cos seguintes cabezas de serie: Athletic Club Skola de Euskadi, Getafe, Rayo Vallecano, Leganés, Celta, Dépor, Braga, Porto e Sevilla CF. O cadro andaluz, en calidade de debutante.

Ante representantes das Administracións públicas —Concello, Deputación e Xunta de Galicia—, da Real Federación Galega de Fútbol e do Celta de Vigo, co seu responsable de relacións institucionais, Diego Tuñas, o director da Copa Ribadumia cuantificou en máis de 5.000 as persoas que entre xogadores e acompañantes pasarán polos campos da Senra entre os dous torneos. Tamén cualificou o dobre evento como «un grande éxito na confección do cartel, xa que seguimos consolidándonos como un dos torneos referentes no panorama nacional e internacional, á par doutros grandes eventos que se realizan en grandes cidades turísticas do sur e do Levante. A Copa Ribadumia está sentada na mesa dos grandes torneos de España», presumiu Paco Ozores. E para exemplo, un botón: a presenza dun equipo procedente dunha grande urbe coma Dallas, desprazándose desde os EE.UU. para competir nunha localidade de 5.000 habitantes en Galicia.

Máis aló dos nomes dos clubs grandes que figuran como cabezas de serie, o responsable da Copa Ribadumia tamén quixo poñer en valor a capacidade do torneo para atraer a «clubs que son grandes canteiras, pero aos que lles custa moito máis desprazarse fóra das súas xeografías, caso do Leioa éuscaro ou do Internacional de Vista Alegre de Burgos, e que escollen a Copa Ribadumia».

A presentación contou tamén coa participación de quen é o padriño desta quinta edición. O dianteiro catoirense do Celta de Vigo, Iker Losada, declarou que era a primeira vez que é padriño dun evento coma este, que lle fai moita ilusión selo, e recomendoulles aos rapaces presentes aproveitar unha experiencia única que el non puido gozar en idades tan novas. A ansia coa que os nenos asaltaron a Iker Losada ao termo do acto na procura dun autógrafo fan pensar que tomaron boa nota do seu consello.