O Cineclub Ádega ofrece en xuño unha inmersión en 3D polos fondos mariños e a proxección de «Tardes de soledad»
AROUSA

A actividades medioambiental é de balde e precisa inscrición previa
31 may 2025 . Actualizado a las 18:46 h.O Cineclub Ádega ten unha variada oferta para xuño. O día 4 ofrecerá unha xornada dedicada ao medio ambiente. «Este día poderedes mergullarvos sen vos mollar mediante unha experiencia 3D con gafas de realidade virtual polos fondos das nosas rías. Descubriredes que non só son espectaculares os fondos do Caribe, do Mar Roxo ou da Barreira de Coral», segundo explica a organización. Trátase dunha actividade para maiores de 7 anos, «pero en absoluto é unha actividade meramente infantil». A entrada é de balde e será obrigatoria a inscrición previa a través da web do cineclub e, de quedar algunha entrada, o mesmo día no Salón García. Haberá cinco pases, desde as 18.45 horas. Ese mesmo día ás 20.30 horas proxectarase o documental francés La Rivière, tamén de balde.
O xoves 19 chegará á pantalla do Salón García o premiado documental de Albert Serra de 2024 Tardes de soledad, con entrada de balde para os socios e un prezo de 2,5 euros para o resto do público.
O mércores 25 a conta do Día do Orgullo LGTBIQ+ proxectarase Descoñecidos (All of Us Strangers), un drama fantástico británico escrito e dirixido en 2023 por Andrew Haigh. Entrada gratuíta.