O Juventud Cambados inicia na casa os 180 últimos minutos do camiño de volta á Tercera

AROUSA

Recibe o Beluso na serie definitiva confiando na súa fortaleza en Burgáns
08 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Club Juventud Cambados mídese esta tarde en Burgáns (19 horas) ao Beluso no seu terceiro enfrontamento da temporada. Un duelo que, xunto ao que a vindeira semana disputarán no campo das Laxes, decidirá quen dos dous equipos militará o vindeira curso na Tercera RFEF ao termo da segunda e definitiva rolda da promoción de ascenso.
O adestrador local, Pénjamo, facía onte fincapé na necesidade de «manter a liña que levamos». Tanto a ofrecida como locais ao longo do ano, como a amosada no primeiro cruce camiño da Tercera RFEF, eliminando con autoridade ao subcampión do Grupo 1 da Preferente Autonómica, o Negreira; cun 2-0 en terreo arousán e cunha nova vitoria, 0-1, no cespede do Jesús García Calvo.
Sobre o cruce co Negreira, Pénjamo lembra as bases que sustentaron o éxito do Cambados: «Fomos moi compactos, moi sólidos no traballo e en labores defensivos, e con iso conseguimos atar a un equipo cun potencial e cun caudal ofensivo brutal, con futbolistas que xogan moi ben por dentro e con moi pé». Neste punto, o técnico local agarda a un Beluso dun perfil semellante: «Ten xente moi dinámica e con moito desenfado á hora de xogar ao ataque; son moi compactos, e con espazos, moi perigosos».
Nas filas do cadro arousán confían en volver contar hoxe coa grada de Burgáns chea, como o estivo dúas semanas antes fronte ao Negreira, co canteirán Agustín Pastoriza, Pibe, que vén de ascender á Segunda División coa Cultural Leonesa, facendo o saque de honra esta tarde. «Temos que facernos fortes neste primeiro partido, aproveitar o noso campo, que o coñecemos moi ben», di Pénjamo, recordando que nel só perderon tres partidos en toda a tempada. Entre eles, o que o mediu co Beluso, 1-2, na primeira xornada de Liga, devolvéndolle o golpe nas Laxes cun 0-1 na segunda volta.
Pénjamo, que non pode contar nin con Barrio nin con Álex, ausentes por compromisos laborais, apunta que o Beluso rematou por riba do Cambados na Liga, dous postos e 3 puntos. É por iso que, conta, agarda unha eliminatoria «cunha dinámica moi parella dos dous equipos».