Despedida á profe Dolo con flores, debuxos, música e bágoas

Bea Costa
Bea Costa CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A directora do colexio da Pastora xubílase logo de 38 anos nas aulas e loita polo uso do galego e a tecnoloxía no ciclo infantil

21 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte foi día de despedidas e de festas nos colexios a conta do fin de curso, pero nalgúns centros viviuse dunha maneira moi especial; foi o caso do colexio da Pastora (Cambados). Dixéronse ata logo o alumnado e o profesorado e dixéronlle adeus á profe Dolo con motivo da súa xubilación, aínda que a directora se deixará ver polo centro a primeiros de setembro. Será para ocuparse só de cuestións burocráticas porque Dolores Oubiña Millán xa non volverá dar clase. Acabouse esa etapa. Con 38 anos de traballo e a posibilidade de xubilarse aos 60, chegoulle a hora de descansar, de pasar máis tempo cos seus e de facer esas viaxes por Europa que quedaron aparcadas. Logo de dúas décadas, a profe Dolo —como a chaman na escola— é unha institución na Pastora, onde educou a centos de nenos nesa etapa da vida, de tres a seis anos, que para ela é fundamental na formación do ser humano. «É cando podes sementar máis», explicaba onte logo de recibir unha homenaxe.

Como cada fin de curso desde hai anos, Dolores Oubiña dirixiuse pola mañá ao monte da Pastora con motivo das Olimpíadas do colexio, pero desta volta había sorpresa. Ao chegar ao colexio recibírona cun corredor flanqueado por nenos, pais e profesoras e agasallárona cun ramo de flores, unha camiseta, un libro con debuxos feitos polos alumnos que terá un lugar destacado na súa biblioteca e coa música de Hotel California de Eagles que tanto lle gusta e pinchou o seu propio home.

MARTINA MISER

A emoción estaba servida e Dolores non puido conter as bágoas. Non era para menos. Despide unha etapa fundamental na súa vida que empezou con 22 anos naquela segunda promoción de Educación Infantil na facultade de Pontevedra e que a levou a dar clase en varios centros, entre eles a unitaria de Oubiña durante trece anos. Esta cambadesa de San Tomé é mestra por vocación e fixo activismo para introducir o idioma galego e a tecnoloxía nas aulas desde pequeniños. O peor, di á hora de facer balance, foi loitar coa administración para conseguir o que debe ser de seu na educación pública.