Arquivan o caso das taxas ás vivendas turísticas da Illa e o alcalde pide unha desculpa pública de Aviturga polos insultos recibidos
AROUSA

A Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia levou a nova ordenanza municipal ao xulgado por considerar as taxas abusivas. «Queda en evidencia que todo foi un intento de confundir», di Luis Arosa
21 jun 2025 . Actualizado a las 16:42 h.O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditaminou o arquivo do procedemento contencioso-administrativo aberto polo recurso que presentou a Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga) contra as taxas de saneamento e lixo do Concello de A Illa ás vivendas de uso turístico, unha nova que suscitou a reacción do goberno e tamén da oposición.
Para o alcalde, Luis Arosa, queda en evidencia «que todo foi un intento de confundir, tensionar e desgastar politicamente ao goberno municipal, sen máis fundamento que a defensa duns intereses privados incapaces de ser xustificados ante un tribunal».
«Como alcalde de A Illa non acepto nin aceptarei que se utilice a mentira como ferramenta política ou mediática, nin que se acuda á difamación persoal para suplir a falta de argumentos. Eu mesmo fun obxecto de insultos públicos por parte de Aviturga, cualificándome de ‘político Ninja’», explica o rexedor socialista.
Arosa pide a Aviturga unha desculpa pública e acusa ao PP de sumarse «á farsada» de quen recorreu vía xudicial as novas taxas. «O Partido Popular da Illa de Arousa decidiu facer súa esta campaña, e non só non se desmarcou dela senón que utilizou os medios e espazos institucionais para amplificala, chegando a forzar a celebración dun pleno extraordinario baseado en acusacións que nin sequera chegaron a entrar a trámite xudicialmente», abunda Arosa.
O PP tamén falou onte do arquivo do proceso contencioso administrativo, pero para acusar ao goberno bipartito de «agocharse tras o contencioso das vivendas turísticas polas taxas para non devolverlles o cobrado de máis aos veciños malia que recoñeceu que foi un erro». Consideran que PSOE e BNG están a «desviar a atención» sobre unha cuestión, a subida das taxas, que afecta a 229 propietarios de vivendas turísticas na Illa.
Os populares sinalan que a situación xerada coas vivendas turísticas «é un exemplo máis de que na Illa hai dous modelos de facer política, o do bipartito, baseado na imposición —que tamén se aprecia no caso das restricións de tráfico— é o do diálogo do PP».