O BNG pídelles ás empresas que dan servizo ao Hospital do Salnés buses máis accesibles

p.p.v. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A formación nacionalista advirte de que as persoas con mobilidade reducida teñen moitos atrancos para poder subirse e baixar do transporte público ao centro médico

25 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Bloque Nacionalista Galego fai un chamamento ás empresas de autobuses que cobren o servizo de transporte ao Hospital do Salnés para que cambien os modelos dos seus vehículos por outros máis accesibles para persoas con problemas de mobilidade reducida.

A formación advirte de que a tipoloxía interurbana dos buses empregados polas empresas concesionarias das liñas ata o centro médico «dificultan o acceso aos pacientes que acoden ao hospital e fan imposible que outras persoas que potencialmente sería usuarias do autobús o utilicen, dadas as trabas que fisicamente lles supón esa opción». Atrancos que o BNG concreta no impedimento físico das mencionadas persoas con mobilidade reducida á hora de poder subir e baixar destes modelos de transporte público ou de acceder cunha cadeira de rodas, con muletas ou co carriño dun bebé.

Así as cousas, desde o Bloque reclaman o emprego de autobuses de modelos urbanos, equipados con plataformas de acceso e con portas amplas que facilitan a entrada e saída de moitas das persoas que se deben desprazar ao Hospital do Salnés, na súa maioría como pacientes dalgún dos seus servizos. Na mesma liña, ademais de dirixirse ás empresas concesionarias, o BNG solicítalles ás Administracións públicas que insten ás firmas de transportes a proceder ao cambio requirido.