Sheila Ferreira: «Gonzalo Durán é un bo político da vella escola, móvese moi ben no fango»

Bea Costa
bea costa VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A secretaria xeral do PSdeG en Vilanova evita meterse en charcos como o da candidatura e as críticas a María Vales

25 jun 2025 . Actualizado a las 09:08 h.

Sheila Ferreira revalidou o seu cargo como secretaria xeral da agrupación do PSOE de Vilanova por unanimidade —o que supón o 70 % da militancia—. Será o seu terceiro mandato consecutivo, función que compatibiliza coa acta de concelleira, que acadou hai dez anos con só 23. Sempre estivo na oposición a Gonzalo Durán, nun lado da bancada que non é doado defender ante o dominio popular.

—A política en Vilanova queima moito non?

—A política en Vilanova cúrtete, catro anos en oposición son máis que doce gobernando, pero non me amilana. Non estamos sós, o cal nos impulsa a continuar, por esas persoas que non están de acordo coas políticas que se veñen aplicando desde hai trinta anos. Eu sigo coa ilusión e gañas por conseguir un cambio.

—Pero as cousas non pintan ben á vista do cada vez menor respaldo electoral en Vilanova...

—Esa lectura xa a fixemos nos partido e fixemos autocrítica. Houbo un baixón de votos igual que en toda a provincia porque, pasadas eleccións, o PSOE non estaba no seu mellor momento a nivel xeral e a nivel local quizais non demos coa tecla.

—A que atribúe a caída do voto socialista?

—Xa digo que o contexto a nivel nacional era complicado e, a nivel local, Gonzalo Durán dirixe un tipo de política complicada de rebater porque está fundada nus lodos e bases de moitos anos Hai un costumismo que leva moitos anos arraigado e é difícil de contrarrestar.

—Está falando de populismo?

—Si, iso é.

—Non é desesperanzador presentarse ás eleccións en Vilanova contra alguén que leva 30 anos revalidando maiorías absolutas e anuncia que vai volver a presentarse no 2027?

—Non se aburre? [risas].

—O mellor e peor de Gonzalo Durán como alcalde?

—É un bo político da vella escola, móvese moi ben no fango. O peor?, teñenllo que dicir os veciños. Para nós, desde logo, é a política que aplica porque fai que moitas veces non poidamos entendernos, e non por culpa nosa.

—Fala de dar na clave. Esa clave é un cambio no cartel electoral?

—Ese é un asunto que trataremos no partido de xeito oportuno. O peso como portavoz e a confianza do partido segue téndoa a actual cabeza de cartel [María José Vales], de feito é secretaria de asuntos municipais,

—María José Vales abriu a caixa dos tronos a semana pasada ao desmarcarse da líña editorial do PSOE nas redes sociais. É certo que hai militantes que piden a súa dimisión?

—O asunto tratámolo ao remate da asemblea e ninguén pediu a súa dimisión, e recordo que a executiva foi revalidada por unanimidade.

—Como van resolver estas disidencias no seo do partido?

—Estas decisión tómanse na agrupación, e alí onde se liman as diferenzas. O PSOE somos unha familia, esta é a casa de todas e de todas e as cousas fálanse de xeito de interno. A miña oposición é ao PP non aos meus compañeiros.

—Como afrontan a segunda metade do mandato?

—Estamos niso. A nova executiva vai buscar alternativas para chegar aos veciños.