Esta é a oferta de concertos dos Xoves de Códax: La Bien Querida, Anxo Araújo, Guadi Galego, Depedro, Eladio y los Seres Queridos e Valeria Castro

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Valeria Castro actuará o día 7 de agosto xunto a Guadi Galego
Valeria Castro actuará o día 7 de agosto xunto a Guadi Galego cedida

O cartel de complétase cunha noite de flamenco contemporáneo o 31 de xullo

25 jun 2025 . Actualizado a las 20:35 h.

A música volverá a amenizar o solpor desde a terraza da bodega Martín Códax, en Cambados. Será cunha nova edición dos Os Xoves de Códax, o ciclo musical do verán que cumpre doce anos apostando pola cultura e a solidariedade con primeiras figuras da escena estatal e galega en cartel.

Este ano os concertos celebraranse os días 17 e 31 de xullo, e 7 e 14 de agosto, todos a partir das 20.30 horas. O ciclo abrirao Eladio y los Seres Queridos, a banda viguesa que cumpre dúas décadas ofrecendo un son maduro, introspectivo e elegante; compartirán escenario con Depedro, Jairo Zavala, que volve á comarca con sonoridades nas que evocan ao Mediterráneo, América Latina e África e letras cargadas de compromiso e emoción.

O 31 de xullo baixo a chamada da «Descarga Flamenca» actuarán Moisés Fernández, Israel Fernández El Piraña, Diego El Morao, Juan José Suárez El Pakete, Delia Membrive na voz, o baile correrá por conta de Isaac De Los Reyes e as palmas serán de José Suárez e Rubén Fernández. «A cita promete unha noite chea de sentimento, improvisación, forza e complicidade, cun espectáculo vibrante envolto en duende e emoción», segundo informan desde a bodega.

La Bien Querida pechará o ciclo musical o día 14 de agosto
La Bien Querida pechará o ciclo musical o día 14 de agosto MARTINA MISER

O 7 de agosto actuarán Guadi Galego e Valeria Castro, a primeira é ven coñecida polo público galego por ser unha das grandes voces da música do país contemporánea. Coñecida polo seu traballo en Berrogüetto e unha sólida carreira en solitario, destaca pola súa capacidade para fusionar tradición, poesía e vangarda. Guadi Galego canta letras que falan de identidade, feminismo e lingua propia, cun son que viaxa do folk á electrónica con naturalidade. Auténtica, combativa e creativa, ofrece en directo unha experiencia emocional e colectiva única.

Compartirá velada coa canaria Valeria Castro, que foi nomeada aos Latin Grammy, aos Goya e recentemente gañou o premio a Mellor Canción de Cantautora nos Premios da Academia da Música de España. O seu novo disco, El cuerpo después de todo, afonda na autoestima e na vulnerabilidade co seu selo persoal: beleza, verdade e emoción.

O 14 de agosto será a quenda de Anxo Araújo e La Bien Querida. O primeiro é un artista galego que presenta unha proposta que fusiona electrónica, pop, tradición e vangarda, combinando sensibilidade poética cun coidado pola produción e a posta en escena. «A súa música é un espello da identidade galega contemporánea: diversa, aberta e en constante transformación», indican desde Os Xoves de Códax. O broche ao verán musical correrá por conta de La Bien Querida, unha das referencias do pop estatal pola súa capacidade para combinar letras emotivas cunha estética sonora entre o indi, a electrónica e a canción de autor.

O mércores 2 de xullo ás 12 horas poranse á venda as entradas dos Xoves de Códax a través da plataforma Ticketrona, a 30 euros por concerto. O acceso é restrinxido a maiores de idade e o aforo, limitado.

Entradas a 30 euros que se poñen á venda a partir do mércores e se destinarán a fins sociais

A recadación íntegra de cada concerto irá destinada a apoiar proxectos sociais con impacto en Galicia, un por cada xornada, «reafirmando a aposta de Bodegas Martín Códax por unha cultura que transforma e por unha empresa que retribúe ao seu territorio».

Grazas a este modelo solidario, o ciclo leva xa recadados máis de 270.000 euros. «A música emociona, une e dá sentido. En Bodegas Martín Códax entendemos a cultura como un acto de responsabilidade, como unha ferramenta para construír unha sociedade mellor. Por iso, Os Xoves de Códax son tamén unha maneira de devolver á comunidade todo o que nos dá», segundo explica Jorge Pallarés, director de marketing de Bodegas Martín Códax. «Un ano máis, Os Xoves de Códax convida a vivir o verán con intensidade e propósito: catro xoves de boa música, viño e compromiso para celebrar o que nos une e aportar, entre todas e todos, un gran de área cara un futuro máis xusto, sostible e orgullosamente galego».