
Será nomeado Honoris Causa pola Universidad de Málaga e onte foi recibido polo alcalde de Vilagarcía
08 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Jorge Martínez-Vázquez foi recibido onte polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, co gallo doseu inminente nomeamento como Doctor Honoris Causa pola Universidad de Málaga. Este home, sinala o alcalde, é «un referente e un modelo a seguir pola xuventude da cidade».
O catedrático en Economía pola Universidade de Atlanta é experto en descentralización, tributación, xestión fiscal e análise de políticas, o que o levou a dirixir proxectos de reforma e a traballar en máis de 95 países por todo o mundo. Entre algúns dos seus traballos máis destacados están as labores de consultor en materia económica e fiscal para o goberno de Estados Unidos, o Banco Mundial ou as Nacións Unidas. Jorge Martínez-Vázquez ten 77 anos e xa publicou máis de 35 libros e centos de artigos en revistas académicas. Entre os seus méritos tamén se encontran o ser membro do Panel de Expertos do Fondo Monetario Internacional dende 1994. A maiores, Jorge Martínez-Vázquez, que mantén casa e goza de longas tempadas en Vilagarcía de Arousa xa foi nomeado como Honoris Causa no ano 2011 pola Universidade de Vigo
A reunión do vilagarcián co alcalde da vila realizouse por que este estaba invitado ao acto de nomeamento, pero por motivos de axenda non pode acudir. Na xuntanza estaban presentes a concelleira de Cultura, Sonia Outón, e o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Álavaro Carou.
«Expreso a miña absoluta admiración ao seu afán incansable por continuar avanzando no coñecemento e o desexo de que o seu exemplo sirva de inspiración para que moitas outras persoas», declaraba o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, na reunión mantida onte ao medio día.