A Illa de Arousa recupera as relación marítimas entre galegos e bretóns
AROUSA

O intercambio cultural inclúe desde unha foliada a unha visita ao Museo da Conserva
16 jul 2025 . Actualizado a las 04:49 h.A Escola de Navegación Tradicional (ENT) Dorna, da Illa de Arousa, recibiu onte a Les Amis du Sinagot, unha asociación bretoa de patrimonio marítimo con sede en Vannes, Francia. Estarán pola zona ata o luns 21 deste mes e son un conxunto de 8 persoas francesas que chegaron ao hotel Benalúa, onde se hospedan, para ser partícipes dun proxecto de intercambio de tripulantes tradicionais.
O obxectivo deste encontro é recuperar as relacións marítimas entre galegos e bretóns, que agora mesmo están esquecidas. «Historicamente sempre houbo unha gran amizade. Os galegos e bretóns apoiábamonos na pesca e cando pasaban cousas malas á xente éralle máis fácil escapar por mar, que por terra», relataba Xoán Dopozo, un dos organizadores do encontro.
De Galicia a Francia
Esta é a primeira vez que se celebra o acollemento entre as asociacións. A primeira fase deste realizouse en maio de 2025, cando un conxunto de cinco arousáns, composto por tres mulleres e dous homes, foron ata Francia. O recibimento da Escola de Navegación Tradicional Dorna da Illa de Arousa a Les Amis du Sinagot agora en xullo é a súa forma de agradecerlles que puideron «navegar nos seus barcos na baía de Morbihan na celebración das festas da Semana do Golfo, onde nos sentimos como auténticos bretóns. Fomos parte da asociación, xa que puidemos navegar nos seus barcos e traballar neles» narraba un dos participantes no intercambio.
Onte pola mañá o grupo realizou unha visita guiada pola Illa de Arousa para coñecer o entorno natural único que os rodea. Pola tarde comezou a xuntanza mariñeira propiamente dita na praia da Canteira, no Bao, cun obradoiro de aparellaxe ás 17.00 horas. Máis tarde realizaron unhas aulas de baile bretón e galego, seguidas por unha foliada a cargo da sección musical Dorna.
Hoxe visitarán o Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, para «ensinarlles que o patrimonio non está só a flote, se non en salas», relataba Xoán Dopozo. A maiores tamén visitarán o Museo da Conserva. Dende mañá ata o luns 21 a Escola de Navegación Tradicional Dorna da Illa de Arousa acompañará aos bretóns ao encontro de embarcacións tradicionais de Galicia, que se celebra no porto de Ribeira.
Ao longo do día de onte o grupo puido degustar o gastronomía galega, que forma parte da cultura inmaterial. É así como probaron as sardiñas asadas e cenaron un conxunto de produtos típicos galegos, entre os que se encontran os berberechos asados con faísca dos piñeiros, unha forma de cociñar marisco recuperada hai pouco por un veciño, segundo explican dende a organización.