O gaiteiro Carlos Núñez regresa aos xardíns de Pazo Baión 

maría santamaría / R. E. VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O concerto enmárcase dentro da xira Lugares Máxicos 2025

24 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Din que un sempre volve a onde o tratan ben, e este debe de ser o caso de Carlos Núñez. Un dos maiores representantes da música galega, que marcou a toda unha xeración, e un virtuoso da gaita, que volve hoxe por quinta vez consecutiva ao privilexiado entorno dos xardíns de Pazo Baión, en Vilanova de Arousa. A finca vitivinícola pertence á Cooperativa Condes de Albarei, cooperativa que mantén unha estreita relación co artista, o cal chegou incluso a amenizar a festa de inauguración das novas instalacións da adega no 2024.

A xira Lugares Máxicos 2025, na que se enmarca este concerto, é un ciclo onde o artista visita os lugares máis espectaculares de Galicia. O concerto comezará ás oito da tarde, nunha demostración de conexión entre Carlos Núñez, o público e a natureza que os rodea.