De que fai falta un gran cambio

AROUSA

Mario Morón | EFE

O soño, posiblemente de toda a Humanidade, sería que os corruptos fosen inocentes e que as guerras rematasen

27 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Queridos lectores, chegan as miñas vacacións e deixarei de aparecer por esta fiestra, que tanto agradezo, o mes de agosto. Pasareinas nas soidades das labores da terra, que non din feito en todo o ano, e travesías a vela polas rías. Chega este lecer no medio dun avolvedizo clima político. No Estado español estanse a descubrir casos de corrupción que desexo firmemente que non sexan certos. Gustaríame moito, como cidadán, que esa presunción de inocencia que ampara a todos os investigados se confirmase en sentencias absolutorias. Desexaría que ninguén fose condenado, pero as informacións periodísticas non me permiten manter ese optimismo cándido. Ademais, tiven a ocasión de coñecer ao maxistrado Leopoldo Puente Segura polo seu paso polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número 2 de Cambados. Elixira este destino, a pesar de ser dos primeiros da súa promoción, por estar cerca da súa parella. O pouco tempo que pasou aquí permitía adiviñar, con certeza, que chegaría lonxe na súa carreira xudicial e así foi: o Tribunal Supremo é a máxima aspiración profesional dun xuíz en España. Mentres estivo aquí ditou resolucións dunha calidade técnica extraordinaria, que é o que fai falta no mundo da Xustiza, e xa se vía o seu asombroso nivel como xurista que despois confirmou como maxistrado, profesor e estudoso do Dereito. Unha garantía que exerza no Tribunal Supremo.

Evidentemente, a instrución do chamado caso Ábalos pode considerarse sinxela pola simpleza, digamos koldiana, na mellor tradición da picaresca, coa que actuaron os encausados: aquí non parece que houbese mecanismos complexos, todo é basto e vulgar. Ata traxicómico. A zafiedade coa que actuaron parece máis de concelleiros rudos de vilas, que de ministros e sofisticados dirixentes. Dá arrepío matinar que estes personaxes exerceran poder. Gustaríame que nada deso fose certo e que rematase, como os demais casos que están a chegar á opinión pública, nunhas futuras absolucións, para poder seguir a confiar na clase política.

Hai mais cuestións que non me permiten manter a fe na actual clase política porque estamos a ver a súa inacción fronte a guerras que consisten en derrubar edificios civís e matar xente que ten fame. Non é asumible este abafante silencio mundial diante destas situacións. Os anos 2023 e 2024 foron os máis mortíferos para os traballadores humanitarios, xente con conciencia e valente que só pretende axudar aos iguais. As leis internacionais, que en teoría son universais, e pretenden regular os conflitos armados, son violadas minuto a minuto e admítese, asombrosamente, que os civís en xeral e os traballadores humanitarios paguen coas súas vidas e vexamos caladiños como se destrúen impunemente as vivendas e as infraestruturas civís. Asistimos en directo, cada día, á ruína de edificios de servizo público, vivendas particulares, hospitais, escolas, pero xa nos acostumamos a ese terror e normalizámolo. Nos primeiros seis meses dos ataques en Gaza houbo 30.000 mortos civís e 150 traballadores humanitarios. Agora xa son uns cincuenta mil. En Palestina, Sudán, Miaanmar ou Ucraína son ordinarios os ataques contra centros sanitarios e de educación, estacións de subministro de enerxía e de auga e saneamento. Estímase que máis de 300 millóns de persoas necesitarán asistencia e protección humanitaria.

Gran parte da clase política non fala desto porque está deshumanizada e sen valores, quizá tamén a sociedade. O Dereito Internacional actual non serve para estas guerras; nin as potencias, nin o gran capital internacional queren evitalas... Di a ONU que precisa cincuenta mil millóns de dólares para axudas e que só dispón duns trece mil. Non pinta ben todo isto. Non quero nin pensar nos niveis de corrupción económica que xeran todas estas situacións de guerra. O soño, posiblemente de toda a Humanidade, sería que os corruptos fosen inocentes e que as guerras rematasen. Venme á cabeza aquela frase de don Quixote, cando dicía: Cuan largo me lo fiais, amigo Sancho!. Que teñan un bo mes de agosto.