O Grupo América, Señora Dj e a Orquestra Saudade súmanse ao cartel de San Roque

La Voz

AROUSA

MONICA IRAGO

A concelleira de Cultura, Sonia Outón destaca que dende Ravella tentan traer propostas musicais variadas para que todos os públicos poidan gozar

28 jul 2025 . Actualizado a las 20:46 h.

Este ano a honra a San Roque por parte do concello de Vilagarcía non só estará pasada por auga, e atravesada pola polémicapola cancelación do concerto do grupo Mägo de Oz: nas festas haberá moito máis. A concellería de Cultura segue a anunciar novos artistas que actuarán na cidade en agosto.

Dende Ravella apostan polo local a través de Señora Dj, unha vilagarciá que comezou os seus andares na música no 2016, e dende esa xa tocou en festivais como o PortAmérica ou o Festival a Luz. A «señora» será a encargada de continuar coa música o venres 22 ás doce da noite, xusto ao remate do concerto xa anunciado, Mondra, pero na Alameda. «En Santa Rita demostrouse que este emprazamento é ideal para este tipo de actuacións: hai moitos bares e restaurantes arredor polo que de seguro atraerá moito público», comentaba a concelleira de Cultura, Sonia Outón, sobre a ubicación da actuación.

A Orquestra Saudade, que está a percorrer Galicia coa súa xira de verán, fará bailar aos veciños de Vilagarcía ese mesmo venres, pero dende a Avenida da Mariña, a partir das dez da noite.

O encargado de pechar as festas será o Grupo América na noite do sábado 23. A actuación dividirse en dous pases, un primeiro que comezará ás 22.30 horas, e rematará xusto antes do inicio do Combate Naval. E un segundo pase que comezará ao remate deste espectáculo de pirotecnia.

A concelleira de Cultura, Sonia Outón destaca que dende Ravella tentan traer propostas musicais variadas para que todos os públicos poidan gozar. A maiores, nas Festas de San Roque actuarán Los Toreros Muertos, que substitúen a Mago de Oz, +Dmaná, David Bustamante, Ainhoa Arteta e, o xa mencionado, Mondra.