A orquestra Panorama animará Cambados na noite do «pé de cuba» do Albariño

María Santamaría / s.g. CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A actuación será na Praza de Fefiñáns ás once da noite

29 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe celébrase en Cambados a véspera da Festa do Albariño, denominada comunmente como «pé de cuba» polos veciños, e a orquestra Panorama será a encargada de facer de previa a unha das festas máis importantes da vila.

A actuación comezará as once da noite na Praza de Fefiñáns, e non rematará ata as dúas da mañá. No recinto poden entrar ata 5.000 persoas, e nesta ocasión o Concello decidiu non valar a zona por motivos de seguridade e tampouco se conta coa instalación dunha barra. Tino Cordal, concelleiro de Festas, comenta que a Praza de Fefiñáns é o único lugar onde entra a instalación da orquestra, que conta con 35 metros de ancho. Outros lugares como a zona do Pombal, onde este fin de semana pasado se celebrou o festival Son do Mar, so dispón dun espazo de ata 26 metros para o escenario.

Debido á gran demanda de Panorama, a actuación xa está fixada dende hai máis dun ano e medio e a idea nace despois de que moitos veciños de Cambados manifestaran o seu desexo de contar cunha verbena protagonizada por unha orquestra grande na Festa do Albariño.

Panorama non actuou nunca no marco destas festas e a última vez que unha orquestra así de grande pasou pola vila foi o Combo Dominicano, o 2 de agosto de 2022, actuación multitudinaria que tivo lugar na praza do Concello, por iso este ano buscouse un recinto máis grande.

A maiores, hoxe tamén se poderá enredar nos xogos tradicionais na praza do Concello, de once da mañá a dúas da tarde, e os máis pequenos poderán asistir, ás oito da tarde, ao espectáculo do Circo Mestura, en San Tomé.

Mañá será o comezo oficial da Festa do Albariño, ás 13.00 horas, cando José Manuel Domínguez Sánchez, máis coñecido como Domin, dea o pregón e abran os 42 postos, que albergan a 44 bodegas, do paseo da Calzada.