Domin, pregoeiro do Albariño: «Para non perder de vista os amigos no Albariño creei camisetas iguais»
AROUSA

José Manuel Domínguez iniciará ás celebracións dende o balcón do Concello de Cambados
30 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe, á unha do mediodía, José Manuel Domínguez, máis coñecido como Domin, será o encargado de dar o pistoletazo de saída a unha das súas celebracións favoritas, a Festa do Albariño.
O home foi profesor de educación física no IES Francisco Asorey de Cambados a partir do 1978, cando se trasladou á vila dende Palas de Rei, polo que ao longo destes anos deu clase a varias xeracións de cambadeses. Ter unha conversa con Domin é como falar cun amigo de toda a vida, e de primeiras sempre pide que o traten de ti, non de vostede, xa que «sendo profesor respectábanme máis falando de ti, que a outros».
Dende que pisou Cambados non houbo un ano no que non asistira ás festas grandes da vila. Cando se lle pregunta pola edición na que o albariño tivo que compartir protagonismo có coronavirus, di que prefire non acordarse das cousas malas do pasado e dunha época terrible para todos.
Domin sempre invitaba aos seus amigos de Palas de Rei a vir á festa do Albariño, polo que no primeiro fin de semana de agosto reunía ata trinta persoas na súa casa. «Para non perdelos de vista decidín crear camisetas iguais para todos» relataba José Manuel Domínguez, así era máis fácil distinguirse entre a xente, e esta iniciativa foi o xerme do mítico chaleco que agora usa.
O Concello de Cambados fala do profesor como «cambadés honorífico», xa que leva case 50 anos vivindo na vila, e Domin afirma sentirse orgulloso de que os veciños se acorden del, porque non contaba con que lle pediran dar o pregón. Di que o elixiron por méritos que «ao mellor non son importantes». O home foi xogador profesional de fútbol, e aínda que nunca estivo no Club Juventud Cambados, sempre tivo moi boa relación coa directiva e era amigo dalgúns xogadores. Chegou a crear cun amigo unha escola de fútbol para os pequenos do concello.
José Manuel Domínguez di estar moi agradecido a Cambados por demostrarlle ao longo da súa vida que o concello está conformado por «xente marabillosa». Non adianta moito sobre que dirá no pregón; di sentirse algo nervioso e asegura que non se esquecerá de agradecer aos veciños porque os coñece a «case todos».