
Dende o 18 ao 23 de agosto Vilagarcía será o escenario do humor e o activismo
31 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Como xa é tradición, o Festaclown se presenta nas rúas vilagarciáns para facer sorrisos ao público de todas as idades. Coa firme crenza que a cultura ten que estar á man da xente, a iniciativa achegarase a eles dende o 18 ata o 23 de agosto con horarios de mañá, tarde e noite. Os seus escenarios principais serán o xardín de Ravella, a praza de Galicia e a praza da II República.
Despois de dez anos, a programación aínda ten sorpresas para o público. A concelleira de Cultura, Sonia Outón, remarcaba onte que os espectáculos son «para nenos de ata 100 anos xa que cada un deles ten a súa visión». Nos seis días do festival, os espazos encheranse de música en directo e humor: serán espectáculos variados, dende cama elástica a parodias e dance clown. Nesta oportunidade tamén darán voz a unha realidade ao demostrar o seu compromiso social con Cultura contra a Barbarie. Segundo Nacho Fungueiriño, responsable de Culturactiva, vai ser «unha gala solidaria para Palestina, para denunciar a barbarie que está ocorrendo en Gaza, para facer chegar non só o noso berro senón tamén o noso apoio». O anuncio vén acompañado dos artistas que participarán da velada, «van a estar artistas como Mercedes Peón, Chosco, Marta Sempre Arriba e Pallasos en Rebeldía», adiantou Fungueiriño.
Dende a Xunta, Jacobo Sutil fixo fincapé na promoción da cultura galega, sendo o un das 13 propostas beneficiarias das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais aos festivais de artes escénicas en Galicia. O cartel do Festaclown demostra o valor que se lle dá a cultura autóctona. Sutil declarou que «dos 22 espectáculos 15 son galegos, aínda que tamén hai espectáculos internacionais de México, Colombia e Arxentina». O director da Agadic recoñeceu o esforzo conxunto de empresas e institucións —Culturactiva; o Concello; Agadic; o Inaem, do Ministerio de Cultura—, acordo imprescindible sen o cal Festaclown non existiría. Seguindo a mesma liña, o alcalde, Alberto Varela, destacaba a cooperación entre as entidades involucradas e engadiu que se trata dunha iniciativa da que o Concello síntese orgulloso «e que, co permiso de Culturactiva, sentimos como propia».
A carpa circense máis esperada do verán anima a participar do evento que promete deixar un moi bo recordo. É unha data ineludible porque, como dixo Varela, «non se entendería a festa de San Roque sen o Festaclown».