Última hora
Cortada al tráfico la autovía AG-53 a la altura de Dozón por un incendio

Vilanova remata o verán co Bivalbos Fest e cun pinchadiscos de Tomorrowland

María Santamaría / R. E. VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

MONICA

O evento producirase o 23 de agosto no Terrón de forma totalmente gratuíta

06 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O 23 de agosto, Vilanova de Arousa estará no punto de mira dos mozos da vila e de toda a provincia grazas ao Bivalbos Fest. Un evento totalmente gratuíto, grazas a colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e do Concello que terá lugar no aparcadoiro do campo de fútbol do Terrón.

Dentro de dúas semanas celebrarase a primeira edición dun festival que dinamiza «a zona do Terrón e dálle unha oportunidade a artistas locais como Maqui e Carlos Barral», recalcaba a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, na presentación do evento. Pero a celebración tamén contará coa presenza de músicos recoñecidos internacionalmente como Dumore, un dos disc-jóckeis do momento e coñecido en toda España e Latinoamérica. O mesmo acontece con Groove Amigos, que a pesar do que pode suxerir o seu nome, os integrantes do dúo proceden do Porriño e xa viaxaron por todo o mundo coa súa música.

Local e internacional

O cabeza de cartel de Bivalbos Fest é Michenlo, o disc-jóckey de Valga, que comezou a súa carreira como influenciador en Instagram e que en 2023 chegou a formar parte do festival Tomorrowland. Có azul como marca de identidade e unha mestura de tech house e hard techno, poñerá ao público a bailar temas como Pégale, con máis de 2 millóns de escoitas.

A directora xeral de Xuventude subliñou a vital importancia de eventos como estes, destinados á mocidade da provincia. Mentres que o concelleiro de Cultura, Javier Tourís, relataba que o motivo da celebración deste festival é «a crecente demanda da mocidade por este tipo de eventos» e xustificaba a elección da zona do Terrón para o Bivalbos Fest como un lugar dende o que se pode ver o pobo, pero que está o suficientemente afastado do centro como para non causar tantas molestias entre a veciñanza. «Co festival poñemos en valor o traballo sen horario das persoas que organizan para que todo saiga adiante», recalcaba o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán.

O Bivalbos Fest contará con varias barras, postos de comida onde satisfacer o apetito e unha capacidade de ata 6.000 persoas. Dende a organización prevén que a música comece a soar ás dez da noite e non se apagará ata as dúas da mañá. O festival honra co seu nome unha das festas grandes do pobo, que ten lugar esta fin de semana, a Festa do Mexillón e o Berberecho, que prevé vender máis de 5.000 racións ao longo de catro días, no que conflúe coa Feira de Oportunidades e coas celebracións do Carme. Todo acompañado de actuacións musicais como as de Panorama ou Milladoiro, pero «tamén faltaba unha actuación para a mocidade», describía Javier Tourís.