Valeria Castro e Guadi Galego conseguen emocionar ao público da terraza de Códax
AROUSA
O xoves tivo lugar o penúltimo concerto do ciclo musical da adega cambadesa
08 ago 2025 . Actualizado a las 21:57 h.Non todos os días é posible ver xuntas a dúas das mellores artistas que ten este país e menos no privilexiado e idílico entorno da terraza de Martín Códax. Tan especial era a ocasión, que a adega decidiu cerrar a barra durante o concerto e poñer moitos máis asentos do normal, para que ás nove en punto, cando comezase a actuación, reinara no espazo un silencio expectante como nunca.
Valeria Castro, vestida de branco e recortada no solpor, subiu ao escenario a cantar algunhas das cancións do seu último álbum acompañada por dúas músicas que «tocan todos los cacharros que hay por aquí» mencionaba a artista. Antes de interpretar El cuerpo después de todo, Valeria Castro chegou a emocionarse e na intimidade da «reunión de amigos» que era a terraza de Códax revelou que, tan só dúas semanas antes, perdera o seu avó. Con lágrimas nos ollos comentaba que «es muy complicado atravésar todas las emociones en este cuerpo y estos días esta canción resuena mucho en mí».
Cuídate foi outro deses temas que máis emocionaron ao público, totalmente en sincronía coa cantante. Tan só uns minutos despois subiu ao escenario Guadi Galego, que coa soltura dunha artista que leva xa anos en todo tipo de ambinetes xustificou os temas que ía interpretar desvelando que «foron elexidos por Valeria e o seu equipo, ademais xusto son as cancións máis lentas que teño, polo que me fai moita ilusión». É así como as dúas cantaron temas como Se me axudas, canción que pertence ao seu último álbum Pélago. Contos oníricos e que a artista aínda non interpretara en vivo. Todo despois de que Valeria Castro se desculpara se decía algo mal en galego.
Para rematar o concerto Guadi Galego substituíu as voces de Tanxugueiras en Hoxe, mañá e sempre. Esta canción foi revelada en decembro do 2023 cando Valeria Castro acompañou ao trío galego no Coliseum, momento no que a canaria se encontrou por primeira vez con Guadi Galego. La raíz foi o útimo tema que soou na terraza de Martín Códax, un último eco para que o público aí reunido cantara emocionado ante a demostración de talento de dúas xeracións de cantautoras españolas.
Antes do comezo da actuación, dende a adega quixeron recalcar o por que do evento: recadar fondos para a entidade sen ánimo de lucro ASPANAES, que traballa para apoiar, acompañar e defender os dereitos das persoas con trastorno de espectro autista e das súas familias. A última xornada dos Xóves de Códax terá lugara semana que vén con Anxo Araújo e La bien querida.