Mondra: «Sinto que a tradición oral é a cousa máis moderna do mundo»

María Santamaría / S. G.

AROUSA

MONICA IRAGO

Será un dos protagonistas das festas de San Roque cunha actuación nocturna no parque da Xunqueira o 22 de agosto

13 ago 2025 . Actualizado a las 11:54 h.

Martín Mondragón, máis coñecido como Mondra, é unha das caras con máis personalidade da escena musical galega da actualidade. O artista vén de publicar en maio deste ano o seu segundo albume baixo o nome De ronda, onde muda a súa estética cara unha visión máis orgánica e atrevida. Este 22 de agosto será o encargado de poñer a música nas festas de San Roque de Vilagarcía, no parque da Xunqueira, a partir das 22.30 horas.

—Este ano comezou unha nova etapa musical con «De ronda». Como se sinte renovar a estética do seu proxecto musical?

—É un traballo moi diferente a todo o que fixen antes, é unha creación máis orgánica onde puxen a miña linguaxe e a tradición oral galega en relación con novos elementos. Sinto que cada proxecto é fillo dun momento, pero sempre con moito agarimo, agora De ronda é o que máis me identifica. Estou moi feliz de poder presentar un segundo traballo discográfico e sempre é moi emocionante construír un novo imaxinario.

—Este novo albume reivindica a cultura dende o rural a través da reinterpretación de elementos tradicionais. Que mensaxe que quere transmitir con isto?

—Á fin eu sinto que a tradición oral é a cousa máis moderna do mundo e que dialoga moi ben cunha chea de elementos. Non o fago por recuperar nada do pasado, simplemente poño enriba da mesa un xeito moi noso de facer, de cantar e de vivir. Todo para que a miña música e o meu proxecto estean o máis pegados posible á identidade galega e sentir que o que eu fago reflicta quen son eu como galego.

—«De ronda» é unha evolución da «Folía das Ardentes» ou un cambio?

—Ardén era unha dimensión ficticia e De Ronda é algo máis aberto, é un espazo onde todos os estados corporais que se propoñen na música transitan sobre nós e sobre o público.

—O novo albume fala da sexualidade sen reparos e aínda que agora en día vivimos un avance en canto a poder falar dela, segue presente certo tabú, máis aínda se falamos do caso da homosexualidade. Por que decide dotar o proxecto dun carácter deste estilo?

—Vén dende a necesidade de falar máis de sexualidade e sobre todo de facelo na nosa lingua. Quería poñer sobre a mesa todo ese imaxinario que é amplísimo e tabú dos cancioneiros. A sexualidade está moi presente na nosa tradición oral, pero as cantigas máis literais quedaban relegadas á intimidade. Os sentidos figurados e non literais eran unha constante, iso é unha parte da tradición oral que me interesa moito polo tabú que segue habendo. A recepción da xente sempre é moi divertida porque é molesto cando o fas de forma moi literal ou suxerinte, provoca a risa.

—Como é esta posta en escena de «De ronda»?

—A ronda é un espectáculo que aposta profundamente pola música ao vivo, somos cinco persoas na banda, todo o que soa é en directo, creo que a percusión e a voz son o máis xenuíno da nosa tradición oral. A danza, que segue presente noutro plano é unha celebración absoluta na que tanto nós como o público transitamos polas emocións do novo álbum e as canción de Ardén. É un espazo moi irreverente e que acolle a unha diversidade moi ampla de públicos.

—Esta nova xira xa leva realizados máis de oito concertos, como está a funcionar o directo?

—Está a funcionar moi ben, o público sempre nos recibe con moito agarimo e ganas de pasalo ben. Sinto que este espectáculo é moito máis versátil e aberto ao diálogo có público. As interaccións son moito máis interesantes e o directo cambia e adáptase constantemente.

—No 2024 «Marimondra» foi un dos temas do verán. A que cree que se debe o seu éxito?

—Marimondra ten unha mensaxe moi contundente sen ningún tipo de reparo, coido que tamén é unha mensaxe necesaria na nosa lingua, para min foi unha sorpresa absoluta a acollida desa canción. Tamén foi un proceso moi persoal, porque á fin abres a túa condición dun xeito moi específico e moi grande. Foi moi lindo recibir os procesos da xente a través da canción. Unha das partes máis interesantes foi sinalar as disidencias da lingua de signos na parte audiovisual, é unha sorpresa enorme que a canción chegara a tantos lugares máis alá da Galiza e que nos deu tantas alegrías como recoñecementos en lugares como os Mestre Mateo.

—Este 22 de agosto actúa na Festa de San Roque, en Vilagarcía de Arousa. Acudiu algunha vez ás celebracións?

—Si, teño familia en Valga e algunha vez xa teño pasado por elas.

—Na Festa da Auga prefire o formato de pistolas ou de caldeiros?

—Máis de cubos: colle máis, é fácil e vai mais auga xunta...