Sonia Outón: «Unhas festas exitosas teñen que ser unhas festas seguras»

La Voz

AROUSA

MONICA IRAGO

A concelleira responsable das festas aposta por «unha fórmula que funciona» e dá por zanxada a polémica con Mago de Oz

13 ago 2025 . Actualizado a las 11:54 h.

A principal novidade das festas de San Roque do 2025 é o reforzo do dispositivo de seguridade para a noite do 15 e o mediodía do 16. Un reforzo motivado polo feito de que o día da Festa da Auga coincida en sábado, o que pode propiciar unha afluencia récord. O resto da programación festiva mantén a mesma liña que a das últimas edicións, dende que Sonia Outón está a fronte da concellería de Cultura e, polo tanto tamén, da organización das festas de Vilagarcía.

—Case podemos dicir que a principal novidade destas festas é que non hai novidades.

—Pois si. Porque as fórmulas que funcionan, eu son partidarias de mantelas. E esta é unha fórmula que leva anos funcionando, con concertos e espectáculos para todos os públicos, gustos e sensibilidades. E todo gratuíto, excepto o concerto de Cristian Silva porque vai pola rede do Agadic e aí é obrigatorio cobrar entrada. Ao final son unhas festas longas, de once días, nos que se desenvolverán 61 actividades. A maioría delas na rúa. Son unhas festas para vivilas moito nas rúas. Por iso tamén deslocalizamos as actividades. Hai concertos na Xunqueira pero tamén na avenida da Mariña, no auditorio, no salón García e moitas actividades en diferentes prazas. A idea é que toda Vilagarcía viva a festa. Por iso me gusta tanto a imaxe do cartel deste ano, con San Roque e o can contemplando o Combate Naval como un vilagarcián máis. Creo que resume a perfección o que son as festas de San Roque e como as vivimos os vilagarciáns.

—O feito de que o día 16 coincida en sábado fai prever a chegada dun aluvión de xente. Hai algún dispositivo especial de seguridade?

—Si, hai medidas extras de seguridade. Imos ter incluso drons para vixiar todo o que está pasando na cidade en tempo real. Teremos tamén un punto de atención sanitaria na Peixería e o punto Lila na praza da Segunda Repúbilca. Este dispositivo especial porémolo en marcha na noite do venres 15 e finalizará o 16 pola tarde. Para nós é moi importante a seguridade. Unhas festas exitosas teñen que ser tamén unhas festas seguras e puxemos moitos medios para acadalo.

—Baixo que criterios se programaron os concertos deste ano?

—Sempre buscamos diversidade e equilibrio para que todos os públicos podan ter algo que lles gusta. E así temos dende un tributo a Maná ata unha gala lírica con Ainhoa Arteta, un grupo mitiquísimo como Toreros Muertos, un artista ao que todo o mundo coñece como é Bustamente, un grupo emerxente para o público máis xove como Marlena e un músico galego como Mondra que representa moi ben o que se está facendo na música en Galicia agora mesmo.

—Houbo que lamentar, iso si, a polémica con Mago de Oz. Ata que punto alterou as festas?

—Dende logo, non estaba no noso pensamento que sucedera algo así. Pero os gobernos tamén están para tomar decisións difíciles pero que son necesarias. Neste caso debatieuse, cancelouse o concerto e pechamos a polémica.

—Repiten a programación do ciclo «Son da casa», un oco nas festas para os artistas locais.

—Si, a presencia de grupos e artistas vilagarciáns nas festas era algo que sempre se reclamaba e algo que nós sempre tivemos en conta. Por iso programamos este ciclo Son da Casa, no que este ano actuarán Cristian Silva, que presentará o seu novo disco no auditorio, o grupo de versións Intro Cover, Arosa Bay e Señora Dj.