
Os parques e prazas vilagarciá acolle ata o sábado 23 o encontro cultural que inclúe música, historias, sorrisos e apartados sociales.
19 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Onte, no marco das festas de San Roque de Vilagarcía inaugurouse a nova edición do Festaclown. A programación deste ano esténdese ata o sábado 23 e inclúe compañías nacionais e internacionais de primeiro nivel. Os espectáculos, que teñen como misión repartir sorrisos polas rúas da cidade, deron inicio cunha sesión dobre.
Ás 19.30, os amantes do circo, tanto nenos como adultos, reuníanse expectantes na praza de Galicia para asistir a presentación de Minotauro, un show a cargo de Nacho Flores. O ambiente reflectía a boa enerxía que propoñía a velada. Cun estilo contemporáneo, o escenario recollía unha peza poética e visual inspirada nun imaxinario mitolóxico. A música completaba a viaxe cun percorrido narrativo que permitía a interacción e a fusionaba coa esencia da historia. Melodía e personaxe borraban os límites da imaxinación.
Sendo testemuñas de como as representacións cobraban vida, a colaboración do público foi imprescindible para o éxito dunha primeira xornada. A mesma concluíu na praza da II República coa oenegué Pallasos en Rebeldía, que se solidarizaba coa realidade de Palestina. O grupo, conformado por unha rede internacional de grupos artísticos, propuxo alzar a súa voz presentando Circo contra a Barbarie, un traballo que fai eco da denuncia social do xenocidio. A maxia do entretemento tamén pode ser un recurso de cambio social, polo que Mercedes Peón, Mago Teto, Kote Malabar, Marta Iglesias e Zirko Txosko foron os encargados de izar a bandeira palestina coas súas actuacións. Así se desenvolvía outra actividade de balde para o goce da xente. Sen embargo, todas as persoas que desexasen contribuír a esta e outras causas da ONG contaban cun bizum dedicado a iso.
Seguido dese gran comezo, espérase que este festival continúe sendo un referente ao utilizar os sorrisos como medio para transmitir unha historia e unha aprendizaxe que deixen unha pegada. Hai situacións que as palabras non chegan a describilas e alí é onde a linguaxe xestual e o humor teñen que impulsar un espazo de reflexión social.
Cun programa pensado para un público diverso, nos seis días do Festaclown atoparán shows ás 11, 12.30, 19.30 e 21 horas no parque Miguel Hernández, na praza de Ravella, praza Galicia e a da II República, respectivamente. Hoxe, as rúas da cidade terán un atractivo engadido. Ao son de tambores, surdos e pandeiretas, á banda Igualarte+Con Eles animarán a mañá. Ás 12.30, Rendos Pequeno aterrará na praza de Ravella armado de retranca e sabedoría. Despois será momento de Henriko (19.30) cunha historia dun antigo circo do século pasado. Finalmente, ás 21, as luces apuntarán a Marta Alonso Tejada, quen levará a música a outro nivel, mesturándoa con danza e humor. No caso de choiva deben consultar os espazos alternativos nas redes oficiais do festival.