Mondra en Vilagarcía: «Imos cantar ata que enrouquezamos»

María Santamaría / S. G. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O artista de Teo conseguiu seducir os vilagarciáns na recta final das festas de San Roque

23 ago 2025 . Actualizado a las 20:33 h.

A pasada noite do venres, o parque da Xunqueira converteuse nun altofalante da realidade da sociedade galega a través da voz do artista de Teo, Mondra. Aquelas presións e autoridades ás que nos últimos tempos se lles reclama que recoñezan que Palestina está a vivir un xenocidio e que a macrocelulosa de Altri non pode ser unha realidade, foron apeladas entre cánticos e través dunha reinterpretación da cultura oral galega. Porque a Vilagarcía de Arousa Férvelle o cu, dunha forma figurada, pero se miramos cara o interior da Galiza de forma literal.

Pasadas as dez e media da noite comezou o concerto de Mondra, no que se fixo unha presentación tanto dos seus temas máis coñecidos como do seu albume actual De ronda. «O novo disco é un traballo que fala da autoestima, do amor propio e da sexualidade. Unha sexualidade moi nosa e un conxunto de cancións nas se recollen 11 estados do corpo», explicaba o teense.

O público vilagarcián foise animando pouco a pouco ata encher a praza, e despois dun par de temas xa se formaron varios grupos de bailadores entre os presentes, o que convertiu o espectáculo nunha foliada improvisada na que se encontraron xeracións de galegos.

«Como estamos Vilagarcía?» Preguntaba Mondra, ao tempo que os alí presentes respondían —sempre de forma sexy— «De ronda!». O nexo invisible entre todos os que se atopaban na Xunqueira era a sedución, é por iso o cantante fixo que unha serie de voluntarios se colearan mentres o público restante os animaba. Antes de Achar con quén casar preguntou cales eran os motivos polos que os vilagarciáns casaban: Por erro (honestidade brutal que o cantante agradeceu), por amor (o menos relevante na opinión do artista), por papeis ou por cartos. Ao final Mondra comentou que: «Se caso ha de ser pola festa», e fixo que o concerto se convertera nun frenesí con ritmos techno e sons da tradición. «Esta noite, nas festas de San Roque imos cantar ata que enrouquezamos», comentaba Martín Mondragón, o nome real do protagonista do escenario. «Aos que queren instalar unha macrocelulosa no Ulla, dígolles que non nos fagan a Punheta!», así remataba o concerto mentres que o artista baixaba ao carón do público a cantar Vale máis un canciño.