
O goberno local advirte do perigo para os viandantes polo seu estado
24 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Vilagarcía enviarálle á Consellería de Infraestruturas un escrito requiríndolle a reparación da pasarela de madeira do Rial, por canto, sostén o goberno local de Alberto Varela (PSdeG-PSOE) «os propios veciños da zona transmitíronlle a súa inquedanza» ao supoñer, sostén, «un perigo para os viandantes».
Un informe municipal recolle que na senda peonil da PO-549, coñecida popularmente coma rotonda do Rial, hai taboleiros levantados e treitos parcialmente esnaquizados.
Desde o executivo de Alberto Varela sinálase que as queixas polo pésimo estado da estrutura partiron da propia veciñanza da zona, que acudiu á sede municipal para informar do asunto trasladando o seu malestar ao respecto. Foi esta a razón que levou ao encargo do mencionado informe, elaborado polo enxeñeiro técnico municipal e datado do 5 de agosto.
No documento que o Concello de Vilagarcía lle trasladará ao departamento autonómico recóllese que a pasarela deteriorada «non forma parte do proxecto de reparación que levou adiante a Consellería de Infraestruturas hai uns meses nas beirarrúas da PO-549 —Avenida de Cambados—, na zona máis próxima á rotonda». E continúa dicindo: «Nese momento, o ente autonómico sinalou que a estrutura se atopaba ‘en bo estado, agás unha pequena reparación puntual do xabre que se encontra lavado como consecuencia da choiva’».
O titular da Concellería de Obras de Vilagarcía, José María González, pide a reparación urxente da pasarela de madeira do Rial. E iso, argumenta, en tanto: «Estamos a falar de que hai risco de que os peóns tropecen e se manquen». Máis aló do tocante á seguridade dos viandantes, González declara en nome do goberno local que «non é de recibo que a pasarela se atope neste estado de abandono», dando, engade, «mala imaxe nunha das principais entradas á cidade».