Xuventude axudará a quen pida a subvención para sacar o carné de conducir
AROUSA
O departamento de Xuventude do Concello de Vilagarcía de Arousa ponse a disposición dos solicitantes das subvencións da Xunta de Galicia para a obtención de permisos de conducir que precisen de axuda para cumprimentar o trámite burocrático correspondente. Unha bolsa económica por parte da Administración autonómica que vai desde os 150 euros, no caso do permiso A2, ata os 400 nos de clase B.
O procedemento de concesión desta liña de axudas públicas tramítase mediante un sistema de concorrencia non competitiva, isto é, serán entregadas a todo quen as solicite e cumpra cos requisitos das súas bases. Concretamente, ter entre 18 e 30 anos, estar empadroado en Galicia cunha antigüidade mínima dun ano, non estar traballando, ter aprobado o permiso de conducir para o que se solicita a axuda con data de expedición entre o 1 de outubro do 2024 e a data de presentación da solicitude da axuda, e que a suma dos ingresos anuais dos membros da súa unidade familiar sexa igual ou inferior a cinco veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) do 2025.
Cada persoa pode solicitar axuda ata para dous permisos diferentes. O prazo para facelo comezará mañá luns ás 09.00 horas e rematará o 25 de setembro ás 20.00, debéndose tramitar por vía telemática na web: sede.xunta.gal.