A traiñeira feminina do CR Mecos gozou da clasificatoria da Bandeira da Concha
AROUSA

Para moitas das integrantes do barco do Grove foi a primeira experiencia na gran cita do remo de banco fixo
04 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A do 2025 será unha tempada inesquecible para a maioría das integrantes da traiñeira feminina do Club de Remo Mecos. Un barco formado en boa medida con mozas sen apenas experiencia no barco rei do banco fixo, algunhas mesmo inda en idade xuvenil, que tras un gran quinto posto na clasificación final da Liga Galega de Traiñeiras Feminina, empatadas a puntos con Cabo de Cruz, cuarta, gozaron na tarde de onte dunha experiencia limitada a moi poucas remeiras.
O bote de Mecos foi un dos 21 que disputaron a contrarreloxio clasificatoria da Bandeira da Concha. Saíndo terceira ao mar, a nave do Grove completou os dous longos na baía donostiarra en 13.04.85, marcando o 18.º tempo.
Se ben quedou a un mundo de poder superar o corte das sete embarcacións que pelexarán os dous vindeiros domingos por levar a prezada bandeira para os seus clubs, a experiencia resultou moi boa. Dío Ángela Fernández, remeira e adestradora da traiñeira feminina do CR Mecos: «Dentro das nosas aspiracións, cumprimos os obxectivos, que as rapazas viviran a experiencia de remar a regata que todo o mundo quere remar, e que desfrutaran». Con só tres ou catro integrantes con experiencia previa na Concha, o paso por Donosti, a onde chegaran o día anterior, foi a guinda a unha gran campaña iniciática.