Concertos na ría, a sardiñada popular, roteiros culturais e catas de viño no Revenidas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Ramón Leiro

O sábado 13 será a quenda de Uxía, Xisco Feijóo e O Rabelo, mentres que o domingo 14 Dakidarría, Budiño e Xabier Díaz achegarán música a un público reducido e privilexiado a bordo do Chasula

04 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O festival Revenidas, que cada verán converte Vilaxoán nun fervedoiro cultural, volverá nesta edición cun programa que vai máis alá dos concertos principais e aposta por unha ampla oferta de actividades paralelas pensadas para todos os públicos. A combinación de música, gastronomía, cultura mariñeira e acción solidaria é xa marca da casa dun evento que ten nas súas raíces a tradicional sardiñada popular.

Un dos atractivos máis singulares serán os concertos a bordo do Chasula, unha embarcación clásica que navegará pola ría de Arousa mentres artistas galegos ofrecen recitais íntimos para só doce persoas. O sábado 13 será a quenda de Uxía, Xisco Feijóo e O Rabelo, mentres que o domingo 14 Dakidarría, Budiño e Xabier Díaz achegarán música a un público reducido e privilexiado. As entradas, que inclúen tamén unha degustación de produtos galegos, sairán á venda o 6 de setembro a través da web oficial do festival.

O domingo 14 será a xornada grande coa xa mítica sardiñada Revenidas?Turismo Rías Baixas, no parque Dona Concha, desde as 13.30, poderán degustarse as «mellores sardiñas do mundo», acompañadas polo ambiente festivo de Os Terribles da Arousa, As do Xeito e a Mekánika Rolling Band. A festa continuará pola tarde coa Gala de Circo Solidaria, que reunirá figuras como Peter Punk, Factoría de Subsistencia ou Sempre Arriba nun espectáculo cheo de maxia, humor e acrobacias. A entrada será libre e as achegas voluntarias destinaranse á axuda humanitaria en Palestina. A programación inclúe tamén citas para quen queira mergullarse na identidade local. O mércores 10, Xurxo Souto guiará o roteiro Redescubre Vilaxoán, unha viaxe polas tradicións musicais e gastronómicas da vila. A actividade, con prazas limitadas, partirá do centro social e deportivo ás 19.00.

Do xoves ao sábado chegarán as coñecidas Catas dos Sentidos no espazo de Paco & Lola. Cun sistema de auriculares inalámbricos, os asistentes poderán seguir con detalle as explicacións do sumiller sen perder compás co que soe nos escenarios. Haberá sesións o xoves e venres ás 18:30 horas e o sábado ás 13:30.