As actuacións afectarán a vías do Carril, Os Duráns e diferentes barrios e parroquias da cidade
05 sep 2025 . Actualizado a las 22:40 h.Setembro preséntase decisivo en Vilagarcía en materia de obras públicas. O Concello mobiliza máis de 775.000 euros en proxectos que se repartirán entre varias parroquias e o centro urbano, cun calendario que combina o inicio inmediato de actuacións coa adxudicación doutras previstas para finais de mes.
Cara ao 15 de setembro comezarán os traballos de mellora do saneamento en Vilar Ponte (Os Duráns) e nun tramo da avenida Rosalía de Castro, no Carril. En Vilar Ponte, a firma J. M. Iglesias ampliará a rede para evitar desbordamentos e habilitará un novo acceso á rúa Marxión. Pola súa parte, Construcciones Vale S. L. executará as obras no cruzamento da rúa Esperanza ata Lucena, nun treito dun centenar de metros. Ambas actuacións contarán cun prazo de execución de tres meses.
Na mesma quincena arrancará o arranxo do talud que une o parque botánico Enrique Valdés Bermejo co castro de Alobre. A empresa adxudicataria retirará terras, restos de muro e varandas, obrigando a cortar temporalmente o paso. O plan prevé drenaxe, construción dun novo muro de contención, instalación de escaleiras de pedra e varandas de aceiro, ademais da mellora dos camiños afectados. Estes traballos prolongaranse durante dous meses.
O capítulo de adxudicacións chegará a finais de setembro. As mesas de contratación abertas esta semana afectan ao plan de asfaltados, dividido en dous lotes cun orzamento global de 391.000 euros, e á mellora do abastecemento e saneamento en Muíños de Cea, cun investimento de 90.000. As empresas mellor puntuadas dispoñen de 15 días para entregar documentación, polo que, se todo avanza, os contratos quedarán formalizados neste mes.
Plan de asfaltados
O plan de asfaltados abrangue once rúas, con actuacións estratéxicas como a do acceso ao Hospital do Salnés ou a rotonda do Cavadelo. Tamén se inclúen arranxos en Fontecarmoa, Sobradelo, Faxilde, O Piñeiriño, Trabanca Sardiñeira e O Carril.
En Muíños de Cea, a topografía impide conectar co circuíto existente, polo que se crearán canalizacións autónomas que darán servizo a unha ducia de vivendas en Carballido.