Tres clubs deportivos de Vilagarcía están a saír á rúa ou faráno proximamente con intención de captar talento de cara á nova temporada á volta da esquina. Con tal fin, solicitáronlle a correspondente autorización ao Concello para organizar xornadas na vía pública, e poder achegar así as súas disciplinas ás familias.
O Xadrez Fontecarmoa organiza partidas na rúa Castelao todos os venres deste mes. O Concello préstalle apoio coa cesión de mesas e cadeiras nas que iniciar os interesados.
Os Ingleses Rugbi Club solicitou autorización para instalar unhas carpas e un equipo de son para a celebración dunha xornada de captación este sábado na praza de Galicia. A actividade está programada das 10.00 ata as 14.00 horas.
Pola súa banda, o Club de Piragüismo Vilagarcía tamén utilizará a praza de Galicia para divulgar e promocionar as súas actividades. No seu caso, será o vindeiro día 20, cando instalará unhas carpas e desprazará unhas piraguas para que os interesados poidan coñecer de preto a disciplina máis laureada do deporte galego na historia dos Xogos Olímpicos.