Arde Revenidas: La maquina del buen rollo e a venda de camisolas de Palestina van coma un tiro

AROUSA

A banda de Muros mételle nivel ao festival, que marca dende o principio os seus alicerces de compromiso, boas vibracións e moita xente
12 sep 2025 . Actualizado a las 18:08 h.Xoves de orballo coma o carallo. Ata que, coma se Pemán estivese facendo a súa maxia, deixa de chover a media tarde. A tempo para que nada poida saír mal en Vilaxoán. A Duendeneta, Hugo Guezeta e Dick Move abren unha edición máis de Revenidas. Chámalle burro ao cabalo, pero probablemente un dos mellores festivais do país, entendido dende o país, pensado dende o país e aberto ao mundo. Este xoves vacilón na choiva non impide que rúas, descampados e recunchos estean cheos de furgonas e caravanas. O venres hai que traballar, coma lembran dende o escenario The Rapants, mais no semella ter importancia ningunha cando o persoal se vai deixando gañar polo seu pop, rock, indie, funki, ou o que demo sexa o que fan estes catro rapaces de Muros.
Os ritmos bailables e as coñas dende as táboas —que raio pasará no estand de Alma Atlántica— van establecendo o ethos de Revenidas dende a súa primeira xornada. Bo rollo, para iso están aquí The Rapants co seu último traballo, respecto, desmadre contido, compromiso e solidariedade. Un toque para a organización. As camisolas que funden as bandeiras da Galiza e Palestina esgotáronse nun suspiro. As da talla XL, ideais para maduritos panzóns e rapazada ben alimentada. Repoñan a estocaxe.