O Folk no Alobre celebrarase o día 28 de setembro

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

En caso de chuvia, motivo polo cal a cita xa tivo que ser adiada, trasladarase á praza da Peixería

13 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Vilagarcía prepárase para recuperar unha das súas citas máis singulares co calendario cultural. O Folk no Alobre, organizado pola asociación Pés de Barro, celebrarase finalmente o domingo 28 de setembro, despois de terse visto obrigado a adiarse pola choiva. A organización anunciou que o programa se mantén case intacto, coa única novidade de que os concertos principais adiántanse ás 17.00. Segundo explicou Daniel Abad, voceiro da asociación, «houbo que reaxustar datas e horarios, pero poderemos contar con todos os grupos inicialmente confirmados». A previsión é que o festival se desenvolva no Casto Alobre, aínda que, de repetirse a inestabilidade meteorolóxica, a actividade trasladaríase á praza da Peixería.

A xornada arrincará ás 11.00 cunha visita guiada polo castro e polo parque Valdés Bermejo. Estará dirixida por Xurxo Souto xunto coa agrupación Os demos da petaca e guía. Trátase dunha actividade aberta e de balde, sen necesidade de inscrición previa. A continuación, ás 13.00, terá lugar unha sesión vermú conducida polas Armadanzas Montse Rivera e Mercedes Prieto, que achegarán a proposta Bailando coa lingua. O encontro dará paso a un xantar popular no que cada participante poderá traer a súa propia comida. O Concello poñerá mesas e cadeiras, e o ambiente estará acompañado por música de grupos tradicionais.

Obradoiro de baile

Xa pola tarde, ás 16.00, a mestra Rosa do Pombal impartirá un obradoiro de iniciación ao baile galego, tamén gratuíto e sen límite de prazas. Coa chegada das cinco da tarde soarán os primeiros acordes dos concertos. A encargada de abrir será a formación local Pandeireteiras Pésdebarro, nacida dos cursos de percusión que promove a propia asociación organizadora. Tomarán a remuda Os demos da petaca, cun repertorio que leva máis de dúas décadas reivindicando tanto a lingua como o papel da muller na transmisión da tradición. Logo virá a proposta de Abril, que aposta por un folk contemporáneo sustentado en instrumentos tradicionais, cun repertorio que conecta a modernidade coa raíz galega. Seguiralle o grupo feminino Malvela, que revisa pezas populares como muiñeiras, xotas ou rumbas e incorpora versións propias inspiradas tanto na Galicia interior como na fronteira portuguesa.

O peche da xornada corresponderá a Davide Salvado e Fransy González, que presentan un espectáculo no que, segundo destacan eles mesmos, «a viaxe á alma da tradición galega constrúese só con voces e percusións». A concelleira de Cultura, Sonia Outón, salienta a singularidade desta programación: «Poucos concellos en Galicia manteñen unha aposta tan decidida polo tradicional ao longo de todo o ano», afirma.